Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
4/12/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

A UE renova a licencia ao glifosato por cinco anos máis

Medio ambiente
O herbicida poderá seguir a empregarse na Unión ata decembro de 2022, logo de dous anos de negociacións. Para prorrogar a licenza do herbicida, que expiraba a mediados de decembro, eran necesarios 16 votos favorables dos 28. A chave estivo nos indecisos: Portugal, Polonia, Bulgaria, Romanía e especialmente, Alemaña.

Os  bloques enfrentados estiveron liderados por Francia, Italia, Bélxica e Grecia, contra a prórroga, e Gran Bretaña, España e Países Baixos, a favor. O cambio de criterio de Alemaña que pasou da abstención a situarse a favor da prórroga, motivou que a Comisión Europea conseguira a maioría cualificada precisa para apoiar a nova licenza. Na votación únicamente se abstivo Portugal. Esta decisión dos Gobernos é contraria á postura común votada no Europarlamento, na que se pediu o abandono progresivo do glifosato nos cultivos europeos, e deixa con poucos efectos posibles a petición cidadá rexistrada na Comisión, cun millón de firmas, que tamén solicitaba o fin deste agroquímico.

O glifosato, que é o herbicida "empregado con máis frecuencia no mundo e na UE", segundo a Comisión Europea (CE), foi clasificado en 2015 como "probable canceríxeno" polo Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro, dependente da OMS. Segundo o portavoz de Monsanto, unha das maiores multinacionais que comercializa este herbicida,  a seguridade desta substancia "foi avalada polas autoridades científicas europeas", en referencia a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e á Axencia Europea de Produtos Químicos, que indicaron que o perigo canceríxeno do glifosato era "improbable".

A patente deste tratamento fitosanitario estivo, ata hai uns anos, en mans da multinacional estadounidense Monsanto, que continúa a comercializalo, xunto a sementes modificadas xenéticamente para ser resistentes a este herbicida, baixo a marca Roundup. O grupo químico e farmacéutico alemán Bayer anunciou que prevé pechar a adquisición do fabricante estadounidense de transxénicos Monsanto a principios de 2018.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais