Os afectados polo fallo xudicial son o director da fábrica, o xefe de servizos de riscos laborais, o técnico de prevención e o encargado. A xuíza suspendeu a execución da pena de prisión por un período de dous anos, durante o que non poderán delinquir porque entón si terían que ingresar no cárcere.En materia de responsabilidade civil, condenóuselles ao pago dunha indemnización de 200.000 euros, que será asumida pola compañía aseguradora e a propia Einsa.Os feitos recoñecidos polo catro acusados (había un quinto imputado, o xefe de recursos humanos, que quedou absolto) ocorreron o 9 de febreiro de 2004, cando o auxiliar de taller lesionado, seguindo ordes do encargado da fábrica, procedía a encher de auga e desengrasante alcalino unha máquina limpadora. Para esa operación utilizaba garrafas de 25 litros, das que transvasaba o deterxente a botellas plásticas de cinco litros que estaban recortadas no seu parte superior.Cando se atopaba nesa tarefa e introducira a mangueira de auga na máquina, unha carretilla conducida por un compañeiro pasou por encima da mangueira, cortando o paso da auga; cando se renovou o fluxo, a presión produciu unha sacudida, expulsou a tubaxe da máquina e deu un golpe á garrafa de deterxente, que derramou parte do seu contido sobre o pé esquerdo do auxiliar de taller.O traballador sufriu lesións consistentes en queimadura química por ácido e sosa cáustica. Segundo explicou o propio afectado, a consecuencia do accidente tiveron que practicarlle sete intervencións cirúrxicas, nas que lle extirparon os nervios peroneo profundo e superficial, ademais de rasurarlle o óso do talón, enchéndolle o espazo afectado con siliciona e realizándolle varios enxertos. O resultado son numerosas cicatrices, dor isquémido para sempre e a necesidade de utilizar muletas permanentemente; así mesmo, a infección sufrida afectou ao rego sanguíneo, polo que os tres infartos sugridos posteriormente atribúense a esta causa. Polo momento o traballador ten concedida a invalidez permanente total e agora está a tratar de conseguir a absoluta. Nun xuízo anterior, o xulgado condenou a Einsa a aboarlle unha recarga do 40% da pensión, pola falla de medidas de seguridade.Segundo manifesta o traballador, o día do accidente a empresa non quixo chamar a unha ambulancia, pois iso levaría tamén a presenza da Garda Civil, e na fábrica había unha visita de responsables das páxinas amarelas inglesas. Así pois, "chamaron un taxi, que tardou en vir unha hora e media, e mentres tanto o ácido seguiu penetrando".A Fiscalía sostén que o accidente ocorreu porque o procedemento de traballo non foi o adecuado, dado que o produto corrosivo non se utilizou nun envase seguro e ben pechado, e o operario tampouco tiña equipo de protección individual. Engade que no momento dos feitos o afectado realizaba labores de limpeza, a pesar de ter a categoría de auxiliar de taller.
Diario de Ferrol (19 de novembro de 2011)