Co financiamento de:
/ Riscos emerxentes 55

As políticas de retorno ao traballo (I)

06-06-2016 - TRABALLADORES/AS MAIORES DE 55

Nas circunstancias actuais e coa estratexia europea 2020 en marcha, os cidadáns europeos deberán traballar máis tempo. Coa finalidade de evitar que se produza unha situación na que o aumento da idade de xubilación dea lugar a un incremento das xubilacións anticipadas e das pensións por incapacidade, dende a UE, comezan a desenvolverse medidas no lugar de traballo encamiñadas a apoiar os cambios no sistema de pensións así como estimular ás persoas para que sigan traballando até a súa idade de xubilación.

Se ben, dende un punto de vista económico pode considerarse necesario o aumento xeral da idade da xubilación, dende un punto vista de saúde laboral e integral das persoas, as medidas tomadas neste sentido non deben ser xeralistas, senón que se deben ter en conta as necesidades individuais as características concretas de cada traballo e por suposto a voluntariedade, capacidade e motivación do traballador/a para seguir en activo.

Non cabe dúbida de que para os sistemas da seguridade social, soster as pensións, as pagas asociadas ás incapacidades así como as baixas laborais son unha carga importante. Carga que se verá incrementada co aumento da idade de xubilación e o avellentamento da poboación traballadora (T+55).

Como é evidente, a mellor forma de non sobrecargar o sistema é mellorar a calidade das medidas preventivas así coma a calidade de vida das persoas e fomentar os hábitos saudables para que as persoas poidan traballar máis tempo sen que as continxencias cheguen a producirse, facendo especial fincapé nos traballadores/as maiores, que polo proceso natural de avellentamento son máis susceptibles de padecer determinados problemas de saúde que tenden a manifestarse co avance da idade coma (enfermidades crónicas, os trastornos musculoesqueléticos, etc.)

Con todo, a non sobrecarga do sistema, non debe recaer integramente na redución de dereitos e prestacións dos traballadores/as polo que haberá que poñer tamén en práctica medidas que garantan que os traballadores/as non se vexan obrigados a traballar se as súas condicións de saúde non o permiten, xerando xubilados ou incapacitados pobres que teñan que seguir en activo para poder manter a súa calidade de vida.

Para a viabilidade  das diferentes institucións de seguridade social é un  obxectivo prioritario reducir o número de persoas con incapacidade “no sistema” e unha redución dos casos de incapacidades en persoas novas.

Para iso considérase necesario incorporar medidas de rehabilitación e reincorporación destas persoas no mercado laboral así como reducir o risco de perda do emprego de persoas con incapacidade, enfermidades crónicas ou idade avanzada, coas consecuencias que esta perda ten a nivel económico, social e psicosocial para os afectados/as e as súas familias.

As políticas de volta ao traballo están concibidas fundamentalmente para a reintegración laboral de persoas que sofren de períodos de baixas laborais ou incapacidade por motivos tanto laborais como non laborais.

Co desenvolvemento destes programas, un traballador/a que se está a recuperar dalgún problema de saúde ou lesión pode beneficiarse dunha reincorporación tan pronto como se atope ben fisicamente e de xeito seguro.  Concretamente para enfermidades que presentan procesos longos de recuperación ou enfermidades crónicas, o traballo pode ser terapéutico e axudar á recuperación. Ademais canto máis tempo se está fora do mercado laboral, máis difícil é regresar a el, e máis probabilidades hai de desenvolver unha incapacidade a longo prazo.

As persoas en idade avanzada e as persoas con certas enfermidades teñen problemas para atopar traballo ou para conservar o que teñen, polo que estas políticas axudarían a evitar esta discriminación e a manter a estas persoas “socialmente activas e integradas” feito que axuda mentalmente á súa recuperación e ao mantemento da súa economía.

Se ben é certo que na actualidade existen elementos de discriminación laboral relacionados coas incapacidades e a idade, que é preciso eliminar, esta redución de persoas con incapacidade “no sistema” pode resultar un arma de dobre fío se os programas de reincorporación non resultan eficaces, posto que, estas persoas quedarían fora do sistema en canto a compensación económica pola súa incapacidade e non se reinsertarían no mercado laboral. Polo tanto é fundamental garantir que ningún traballador/a quede no “limbo”, atrapado entre dous mecanismos.

Documentos

As políticas de retorno ao traballo I.pdf
Las políticas de retorno al trabajo I.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS