Financiado por:
/ Recursos Técnicos

Guía de boas prácticas: PRL no uso de drons

04-05-2021 - ISSGA

O ISSGA pon a disposición esta Guía de boas prácticas enfocada na análise dos riscos laborais e as medidas preventivas que se deben adoptar no uso de drons. A lexislación de drons inclúe condicións de seguridade e formación que poden afectar á seguridade da/o piloto e outros actores cando os drons se están a utilizar dentro do ámbito laboral. Por exemplo, a lexislación e requisitos aplicables á fabricación dos drons, ás empresas operadoras, á formación dos/as pilotos e aos plans de voo.

Deseguido, podemos ver aspectos específicos da Lei de prevención de riscos laborais aplicados ao uso profesional de drons.

O operador como «empresario» para os efectos da lei de prevención: para o uso profesional de drons (uso non lúdico), as actividades deben ser realizadas por unha operadora dada de alta na Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). A operadora é a responsable de realizar as «operacións aéreas especializadas ou voos experimentais» regulados polo Real decreto 1036/2017. Cando conta con traballadores/as por conta allea, trátase do «empresario/a» para os efectos da Lei de prevención de riscos laborais.

Dereito á protección fronte aos riscos laborais: o uso profesional de drons implica o dereito dos/as pilotos e outros traballadoras/es da operadora, ou outros traballadores/as, «a unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo», así como o deber da operadora, como empresaria/o, de cumprir coas súas obrigas de protección.

Avaliación de riscos: do mesmo xeito que en calquera outra actividade laboral, débense avaliar todos os postos de traballo, tanto da/o piloto coma do resto de traballadores/as, tendo en conta as situacións de risco que se poidan producir en cada unha das tarefas ou operacións. Estas avaliacións de riscos deben ser realizadas por Técnicas/os de Prevención de Riscos Laborais, tendo en conta a modalidade preventiva elixida, de conformidade co Real decreto 39/1997 dos servizos de prevención.

Equipos de traballo e medios de protección: o dron é un equipo de traballo para o/a piloto e demais traballadoras/es que poidan verse afectados polos seus riscos, polo cal durante a súa utilización deberá terse en conta o establecido no Real decreto 1215/1997.

Formación e información dos pilotos, observadores e outros traballadores

A/o piloto de dron debe dispoñer de certificado oficial de piloto emitido por unha entidade de formación (ATO) autorizada pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e, ademais, ter en conta todo o recollido neste eido na lexislación de prevención e, especialmente, os arts. 15, 18 e 19 da Lei de prevención de riscos laborais.

O/a piloto tamén debe saber como pilotar de forma segura en cada escenario de voo, dado que o seu traballo pode entrañar riscos para as persoas, os animais e as cousas. Ademais, debe estar formado/a para que, durante a súa actividade, sexa quen de adaptarse a situacións con condicións e riscos cambiantes. Tamén ten que estar capacitado para valorar o risco para el/ela e para terceiros. Especialmente, debe estar capacitado para detectar situacións nas que se poidan producir riscos graves e inminentes e nas que non se deba voar.

Os observadores e o persoal de mantemento, do mesmo modo que o/a piloto, deben dispoñer da formación esixida no Real decreto 1036/2017 e a referida á prevención de riscos laborais.

Ligazón á Guía de boas prácticas: PRL no uso de drons

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS