Co financiamento de:
/ Portada / PRL Sectorial

Agresións a traballadores de urxencias

10-05-2016 - Saúde laboral

Os traballadores/as dos servizos das urxencias médicas están expostos a agresións físicas e verbais, que poden vir tanto dos propios pacientes como das persoas que os acompañan. A Universidade Complutense de Madrid realizou un traballo sobre as agresións que sofren os profesionais das urxencias extrahospitalarias (aquelas que se teñan lugar fora dos recintos hospitalarios, como pode ser a atención en domicilios, vías urbanas ou servizos de atención primaria); entre as súas conclusións, atopamos que o 89% dos traballadores/as do SUMMA 112 (Madrid) que sufriron agresións, presentou síntomas de estrés postraumático.

A investigación levouse a cabo a través das experiencias de 358 médicos/as, enfermeiros/as e técnicos/as en emerxencias sanitarias que traballaban no SUMMA 112. A maior parte tiñan un contrato de traballo estable e unha experiencia no posto de 18 anos de media. O 63,7% eran homes, o 36,3%, mulleres e a media de idade era de 44 años. Todos aseguraron ter sufrido algunha agresión ao longo da súa vida profesional.

Este traballo que está publicado no Journal of Interpersoal Violence, amosa que o 34,5% dos traballadores/as sufriu algún tipo de agresión física, o 76,2% foi obxecto de insultos ou calumnias, e un 34% recibiu tanto agresións físicas como verbais. Segundo a investigadora principal do proxecto,"este feito considérase como un aspecto máis do seu traballo".


Mediante cuestionarios, os profesionais detallaron as agresións que sufriran traballando, indicando o seu grao de gravidade; así mesmo, cumprimentaron nunha escala de avaliación de tensión postraumática onde se avaliaban os síntomas e se determinaba se sufrían ou non o trastorno. As ameazas, insultos e comportamentos desafiantes foron as agrasións que máis angustia orixinaron, nun 85% dos casos.  Os síntomas máis comúns foron recordos angustiosos e repetitivos do ocorrido, especialmente se a agresión foi vivida con medo, horror e indefensión. Aínda que a maioría presentou síntomas, o trastorno só se desenvolveu nun 2,2% dos/as traballadores/as que participaron no estudo.


Segundo sinala a investigadora, "o desenvolvemento dun trastorno de estrés postraumático parecía estar relacionado coa percepción de severidade. Hai que ter en conta que a maior parte das agresións físicas non eran graves". Os investigadores non atoparon ningún perfil que se asocie a un maior risco de padecer a patoloxía.


Os datos obtidos non son extrapolables a todos os servizos de urxencia extrahospitalarios, pero si son un indicador do que sucede neste ámbito, pois  "o SUMMA 112 é o maior servizo de urxencias extrahospitalarias de Europa e un dos maiores no mundo, polo que pode ser un bo indicativo da problemática existente neste sector".


Os autores alertan de que, a pesar dos rexistros de agresións e protocolos de actuación que existen en varias comunidades autónomas, a maior parte das agresións non son denunciadas por non ser consideradas graves. "A atención psicolóxica aos profesionais é practicamente inexistente", denuncian.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS