Antioxidantes extraídos do bagazo do viño04-09-2015 - I+D+iOs polifenois presentes na uva son substancias químicas naturais que teñen virtudes antioxidantes, que poden atrasar o envellecemento ou protexernos de enfermidades como o cancro ou as doenzas cardiovasculares. Existen no viño e tamén quedan no bagazo, residuo que as adegas empregan, nunha mínima parte, para facer augardentes e que, na súa maioría, supón un refugallo de difícil xestión polo seu volume e os gastos asociados que ten a súa eliminación. Dun grupo de investigación da Universidade de Santiago, nace un proxecto que busca aproveitar as propiedades antioxidantes e bactericidas que ten o líquido natural que extraen do bagazo do albariño galego. |
---|
O proxecto xorde a raíz do traballo du equipo de investigadores do LIDSA, o Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas, da Facultade de Química da USC. O equipo estudiou as propiedades do bagazo, en colaboración coas cinco denominacións de orixe galegas. Logo de varios descubrimentos que foron publicados en revistas científicas, decidiron dar o paso a industria a través da iniciativa empresarial i-Grape.
O líquido extraído do bagazo ten aplicacións na industria farmaceutica, veterinaria e cosmética. No caso particular da industria veterinaria estase a probar o extracto como antibacteriano natural para as vacas: permite tratar os casos de mamite sen empregar antibióticos, sen que se den efectos secundarios na produción de leite.