Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Unha resposta común á seguridade nuclear.

24-05-2013 - SEGURIDADE

A radioactividade xerada pola catástrofe sucedida na central nuclear de Chernóbil na década de 1980 aínda pode detectarse no medio, razón pola cal un conxunto de dezasete organizacións dedicadas á xestión de emerxencias e trinta e tres institutos científicos crearon un consorcio que contribúa a evitar outra catástrofe como aquela ou, polo menos, a reducir o seu impacto. Como obxectivo propúxose garantir unha resposta mellor en Europa ante situacións semellantes.

Durante cinco anos o proxecto EURANOS («European Approach to Nuclear and Radiological Emergency Management and Rehabilitation Strategies») aproveitou coñecementos e tecnoloxías científicas para preparar a resposta de Europa ante unha emerxencia radioactiva e desenvolver plans de rehabilitación a longo prazo. A Comisión Europea achegou ao proxecto preto de 7 millóns de euros dun presuposto total de 14,7 millóns de euros.

A súa importancia resulta fundamental debido á diferenza existente entre países con respecto á capacidade de resposta ante emerxencias radioactivas producidas por causas accidentais ou deliberadas a consecuencia dun ataque terrorista. Este tipo de incidentes pode ademais xerar efectos en cadea a escala internacional e para aumentar a efectividade da resposta europea optouse pola difusión entre os Estados membros de coñecementos, datos e tecnoloxías.

Unha das medidas adoptadas polo proxecto consistiu en desenvolver un documento con vasta información actualizada destinada a xestionar situacións de emerxencia. Tamén se lograron melloras en distintos sistemas de apoio ás decisións destinados a apuntalar os labores de obtención de información, tanto en liña coma en tempo real, dos equipos nacionais de xestión de emerxencias, entre os que se encontran a análise da situación radiolóxica vixente, a estimación do seu desenvolvemento futuro e a priorización das medidas correctivas.

O proxecto estudou ademais formas de desenvolver a xestión e a rehabilitación a longo prazo das zonas que poderían quedar contaminadas e organizou cursos de formación sobre estratexias e directrices para a recuperación sostible das condicións de vida en rexións nas que a contaminación é persistente.

A coordinación do proxecto recaeu sobre Wolfgang Raskob, meteorólogo do Instituto de Tecnoloxía de Karlsruhe (KIT, Alemaña), que se referiu a esta iniciativa nos seguintes termos: «O éxito do proxecto descansa sobre as vías de comunicación creadas entre os Estados membros. EURANOS xa chegou á súa fin pero a información xerada trasladouse á Plataforma NERIS. Esta servirá como punto de contacto para todas as organizacións industriais, científicas e gobernamentais implicadas e mellorará a reacción de Europa tanto durante a situación de crise coma nos anos posteriores. Cabe tamén sinalar que os axentes locais compoñen unha parte importante do proceso de toma de decisións en cada país polo que a plataforma afondará neste aspecto mediante futuros proxectos científicos. Xa contamos con corenta e nove socios».

Wolfgang Raskob incidiu ademais noutra das dimensións desta plataforma, vertebrada en torno ao novo proxecto europeo de investigación PREPARE («Innovative integrative tools and platforms to be preparede for radiological emergencies and post-accident response in Europe»), destinado a achegar posturas entre os labores de xestión e rehabilitación a partir das leccións aprendidas do accidente de Fukushima.

O labor de EURANOS ten así continuidade en forma dunha plataforma sostible e a través de investigacións emprendidas a nivel europeo esenciais para contar cunha preparación máis adecuada fronte a acontecementos futuros.

 

Fonte de Datos: cordis.europa.eu

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS