Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Segundo a OMS e a OIT traballar baixo o sol causa unha de cada tres mortes por cancro de pel non melanoma

09-11-2023 - OMS-OIT

Case una de cada tres mortes por cancro de pel non melanoma débese ao traballo baixo o sol, segundo estimacións conxuntas da Organización Mundial da Saúde e a Organización Internacional do Traballo. A investigación, publicada na revista Environment International , asegura que os traballadores/as ao aire libre soportan unha carga importante e crecente de cancro de pel non melanoma, e fai un chamamento á acción para previr este grave perigo no lugar de traballo e a perda de vidas de traballadores/as que causa.

Segundo as estimacións conxuntas, 1.600 millóns de persoas en idade laboral (15 anos ou máis) estiveron expostas á radiación ultravioleta solar mentres traballaban ao aire libre en 2019, o que equivale ao 28% de todas as persoas en idade laboral. Só en 2019, case 19.000 persoas de 183 países morreron de cancro de pel non melanoma por traballar ao aire libre baixo o sol. A maioría (65%) eran homes.

"A exposición sen protección á radiación ultravioleta solar no traballo é unha das principais causas de cancro de pel ocupacional", dixo o Dr. Tedros Adhanom Ghebreyesus, Director Xeral da OMS. "Pero hai solucións eficaces para protexer aos traballadores/as dos raios nocivos do sol e previr os seus efectos mortais".

As estimacións establecen a exposición laboral á radiación ultravioleta solar como o factor de risco relacionado co traballo coa terceira maior carga atribuíble de mortes por cancro a nivel mundial. Entre 2000 e 2019, as mortes por cancro de pel atribuíbles á exposición laboral á luz solar case se duplicaron: aumentaron un 88%, de 10.088 mortes en 2000 a 18.960 mortes en 2019.

"Unha contorna de traballo seguro e saudable é un dereito fundamental no traballo", dixo Gilbert F. Houngbo, Director Xeral da OIT. "A morte causada pola exposición sen protección á radiación ultravioleta solar mentres se traballa é en gran medida prevenible a través de medidas rendibles. É urxente que os gobernos, os empregadores e os traballadores e os seus representantes traballen xuntos nun marco de dereitos, responsabilidades e deberes ben definidos para reducir o risco laboral da exposición aos raios ultravioleta. Isto pode salvar miles de vidas cada ano".

A investigación reclama máis medidas para protexer aos traballadores/as do perigoso traballo ao aire libre baixo a luz do sol. Dado que o cancro de pel desenvólvese tras anos, ou mesmo décadas, de exposición, os traballadores/as deben estar protexidos da radiación ultravioleta solar no traballo desde unha idade laboral temperá. Os gobernos deben establecer, aplicar e facer cumprir políticas e normativas que protexan aos traballadores ao aire libre do cancro de pel inducido polo sol, proporcionando sombra, desprazando as horas de traballo lonxe do mediodía solar, proporcionando educación e formación, e equipando aos traballadores/as con crema solar e roupa de protección persoal (como chapeu de á ancha, camisas de manga longa e pantalóns longos). As medidas de protección deben aplicarse cando o índice ultravioleta, unha escala que clasifica a cantidade de radiación ultravioleta que dana a pel, é igual ou superior a tres.

A OMS, a OIT, a Organización Meteorolóxica Mundial e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente desenvolveron a aplicación SunSmart Global UV , que permite aos traballadores ao aire libre calcular a súa exposición á radiación ultravioleta solar.

Outras medidas para reducir o risco de cancro de pel son a sensibilización dos traballadores/as sobre a relación entre a exposición laboral ao sol e o cancro de pel, e a prestación de servizos e programas para detectar os primeiros signos de cancro de pel.

Ligazón á investigación, publicada na revista Environment International

Ligazón á investigación, publicada na revista Environment International (PDF)

 

Fonte: OIT

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS