Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Movementos oculares para combater os efectos da fatiga visual

11-11-2021 - SAÚDE LABORAL

A fatiga visual é un dos efectos do uso continuado das pantallas de dispositivos como ordenadores, tablets e smartphones. Afecta a máis do 90% das persoas que usan o ordenador por un tempo superior a tres horas seguidas ao día. Os ollos están deseñados para ver de lonxe, a unha distancia de más de 6 metros, para ver de preto, o ollo necesita facer un esforzo extra para enfocar o obxecto. Este proceso recibe o nome de acomodación, e realizalo durante moito tempo pode producir astenopía, é dicir, fatiga visual.

Para paliar os seus efectos, que adoitan ser temporais, unha das recomendacións dos optometristas é realizar exercicios de ximnasia ocular como os de movementos oculares.

Este tipo de movementos baséanse en movementos de seguimento cos ollos, de lonxe/preto,  alternantes ou de execución de figuras. A prevención da fatiga visual empeza por relaxar a vista da pantalla desviando a mirada cada 15 minutos fixándoa no punto máis afastado posible e manténdoa nese lugar durante uns dez segundos. A continuación realízanse os movementos oculares:

•             Primeiro exercicio - manter a cabeza ergueita e mirando cara a adiante cunha postura correcta. Seguidamente téñense que mover os globos oculares de esquerda a dereita, repetindo unhas 10 veces.

•             Segundo exercicio - cunha postura corporal correcta e sen mover a cabeza, mover os ollos de arriba cara abaixo -por exemplo mirando a punta do nariz-. Repetir unhas dez veces.

•             Terceiro exercicio - mantendo a postura correcta e coa cabeza ergueita hai que debuxar círculos coa vista, que sexan o máis redondos posible, para traballar os músculos dos ollos. Téñense que trazar no sentido das agullas do reloxo e tamén no sentido contrario. Repetir, como mínimo cinco veces.

•             Cuarto exercicio - debuxar un oito. Centrando a mirada nun punto a unha distancia de tres metros respecto a nós debuxaremos, cos ollos, o número oito de dereita a esquerda e de esquerda a dereita. Repetir cinco veces polo menos.

Despois de facer os exercicios, en especial se sente calor nos ollos ou están arroibados, recoméndase refrescalos con auga fría.

As molestias orixinadas pola exposición prolongada a pantallas, adoitan aliviarse ao cambiar algúns hábitos e realizar certos exercicios como parpadear con frecuencia, pechar e abrir os ollos durante uns segundos, variar o enfoque a distintas distancias e presionar o entrecello lixeiramente aplicando forza de dentro cara a fóra das cellas para aliviar a tension da zona e descansar a visión.

Fonte: prevencionintegral

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS