Electrosensibilidade como consecuencia dun accidente laboral05-04-2019 - SENTENZAA Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Aragón ratificou a sentenza 203/2018, do 29 de xuño de 2018, do Xulgado do Social Número 1 de Zaragoza, na que se determinaba que a electrohipersensibilidade padecida por un traballador da entidade Endesa tiña a súa orixe na súa actividade laboral, polo que as incapacidades temporais deste empregado deben ser consideradas como accidente de traballo. | ![]() |
|---|
O demandante presta servizos como técnico superior de telecomunicacións en Endesa, onde “realiza tarefas consistentes en controlar, coordinar, e xestionar as actividades dos sistemas, as redes de telecomunicacións e os equipos asociados ás mesmas”, establece a sentenza. Dende o ano 2008, o actor prestaba os seus servizos para a demandada no centro de traballo de Argualas, en Zaragoza, e en novembro de 2011 foi asignado ao centro de traballo en Aznar Molina, na mesma cidade.
No ano 2009, o demandante “comezou a presentar sensación de parestesias en pés e mans, prurito xeneralizado e fatiga persistente, asociando así mesmo acúfenos e dor perianal-testicular”. Non foi ata 2014 cando se lle diagnosticou de electrohipersensibilidade.
Así, tras solicitar administrativamente o cambio de enfermidade común a accidente de traballo das súas incapacidades temporais, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) resolveu que ditas incapacidades debían ser consideradas como continxencias comúns, polo que o empregado interpuxo demanda para solicitar o devandito cambio a través do Xulgado do Social mencionado, o cal estimou o seu requirimento.
Despois da sentenza do 29 de xuño de 2018, as empresas demandadas, en concreto Endesa, a mutua Muprespa e Enel Iberoamérica, interpuxeron recursos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Aragón, o cal denegou ditas reclamacións e ratificou a ditada sentenza.
A sentenza é a terceira en España que considera que a enfermidade foi causada pola excesiva exposición electromagnética do traballador, segundo informou a Asociación Independente para Defender a Saúde (Asides). Segundo a asociación, en 2016 un enxeñeiro de telecomunicacións conseguiu que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid declarase que a súa electrosensibilidade era causa de incapacidade laboral, do mesmo xeito que o lograba en 2017 unha traballadora da Universidade de Murcia.
Membros da comunidade científica levan tempo denunciando que os crecentes niveis de contaminación electromagnética supoñen un risco para a saúde e que as institucións de protección radiolóxica están a ser influídas polas compañías de telecomunicacións.
Ligazón á Sentenza primeira instancia
Ligazón á Sentenza TSX de Aragón
Fonte: Actasanitaria e Finanzas