Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Considerado como accidente laboral o desprendemento de retina

12-07-2018 - SENTENZA

O Tribunal Supremo estima o recurso de casación para a unificación de doutrina interposto por unha traballadora que sentiu molestias nos seus ollos e alteracións visuais cando realizaba as súas funcións diante do computador na oficina, estimando que debe ser considerado un accidente laboral ao tratarse dunha lesión súbita que se produciu en lugar e tempo de traballo.

Tras ser operada de desprendemento de retina, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) declarou que a súa incapacidade temporal derivaba de enfermidade común. A traballadora demandou ao INSS e o xulgado Social  nº 3 de Ourense deulle a razón ao cualificar a súa incapacidade derivada de accidente de traballo. Posteriormente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou que a incapacidade temporal desta traballadora derivaba de enfermidade común porque non considerou aplicable a presunción establecida no artigo 115.3  LGSS ao non haberse acreditado que a causa do desprendemento de retina fose un traumatismo. Tamén entendeu que non había datos dos que deducir unha relación de causalidade entre a lesión e o traballo, posto que a literatura médica non considera o traballo fronte a pantallas de computador como causa de desprendemento de retina.

O Tribunal Supremo, pola súa banda, considera que “o feito de que se trate dunha lesión súbita que aparece en tempo e lugar de traballo conduce necesariamente á aplicación do artigo 156.3 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social en cuxa virtude se presume que estamos en presenza de accidente de traballo”. Un artigo que establece que se presumirá, salvo proba en contrario, que son constitutivas de accidente de traballo as lesións que sufra o traballador durante o tempo e en lugar de traballo. Máis aínda, engade a Sala, “se se ten en conta que non cabe excluír o factor traballo no  desencadenamento de patoloxías oculares, en concreto, o desprendemento de retina, sen prexuízo de que, estatisticamente existan outras causas máis frecuentes”.

Por iso, indica, “que establecida a presunción corresponde a quen pretende destruíla acreditar a falta de conexión  causal entre traballo e lesión; acreditación que non se produciu neste caso, pois non pode considerarse como tal o argumento de que non existen casos na literatura médica que conecten traballo ante pantallas de computador con desprendemento de retina”.

En primeiro lugar, explica a sentenza, porque aínda que a tarefa realizada cando se produciu o fatal evento producíase ante unha pantalla, a presunción legal refírese ao tempo e lugar de traballo e non aos instrumentos do mesmo; e, en segundo lugar, porque a destrución da presunción esixise a acreditación dunha radical incompatibilidade entre o traballo e a lesión que neste caso non se produciu.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS