Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Base de datos de continxencias profesionais

21-09-2011 - En 2010 rexistráronse en España 10.042 enfermidades causadas ou agravadas polo traballo

A nova base de datos de continxencias profesionais ofrece por primeira vez información sobre dous millóns de empresas A Seguridade Social detectou durante o ano 2010 en España 10.042 enfermidades, non consideradas como enfermidades profesionais, pero si causadas ou agravadas polo traballo. Desta cantidade, 9.467 corresponden a patoloxías non traumáticas causadas polo traballo e 575 a enfermidades agravadas pola actividade laboral. Estes son os resultados da primeira Análise Xeral de Patoloxías non Traumáticas Causadas ou Agravadas polo Traballo (Panotratss) 2010, que completa a estatística da Seguridade Social sobre as enfermidades relacionadas co traballo.

Este sistema recolle as enfermidades que contrae o traballador pola realización do seu traballo e non incluídas na lista de enfermidades profesionais, así como os agravamentos de lesións que xa padecese o traballador con anterioridade.

As enfermidades, non profesionais, pero a causa do traballo máis frecuentes están relacionadas con patoloxías non traumáticas do aparello locomotor, principalmente de columna, e con afeccións da conxuntiva.

Por sectores teñen maior incidencia na Industria, seguida da Construción e o Comercio. Nos últimos anos, a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social  desenvolveu un conxunto de actuacións destinadas a obter información co obxecto de avanzar na prevención de riscos, redución da sinistralidade nas empresas e mellorar o trámite e protección das enfermidades laborais.

Neste sentido, en 2007 implantouse o Sistema de Comunicación de Enfermidades Profesionais (Cepross) que recibe información das patoloxías sufridas polos traballadores incluídas no cadro de enfermidades profesionais. En 2010 rexistráronse en España 18.186 enfermidades profesionais. Ademais, Cepross contén un Sistema de Alertas que detecta en tempo real as empresas que superan os límites de sinistralidade establecidos. En 2008, primeiro ano que se puxo en marcha este sistema houbo 220 empresas que superaron os límites, cifra que se reduciu a 131 o ano pasado.

A efectos de prevención e información, as enfermidades causadas polo traballo débense entender, do mesmo xeito que no resto de Europa, como as denominadas enfermidades profesionais incluídas na listaxe como tales, medidas por Cepross, e que van asociadas ao desenvolvemento dunha actividade económica e as enfermidades causadas polo traballo que non están asociadas ao desenvolvemento dunha actividade, medidas por Panotratss. Segundo a suma de ambos os sistemas, en España en 2010 houbo un total de 28.228 enfermidades relacionadas co traballo.

España e Francia son os países da Unión Europea que rexistran un maior número de enfermidades declaradas a causa do traballo xa que posúen, segundo recoñeceu a propia UE, os sistemas de información máis efectivos con importante incidencia na prevención. Así, a relación entre o número de enfermidades profesionais e de mortes de traballadores activos derivadas das mesmas é moi baixo. En 2010 morreron cinco traballadores por mor de enfermidade profesional, a estes hai que engadir 291 falecementos de pensionistas de incapacidade permanente por enfermidade profesional no mesmo ano, dos que 42 eran menores de 65 anos e o resto superaba esa idade.

O 52% dos partes por enfermidade profesional comportan unha baixa laboral, con tendencia á redución. As baixas laborais por enfermidade profesional reducíronse de 11.400 en 2007 a 8.765 en 2010, mentres que os partes de enfermidade profesional que non dan lugar a baixa laboral aumentaron de 5.418 a 8.077 no mesmo período.

Por último, hai que destacar a creación da Base de Datos de Continxencias Profesionais que interrelaciona toda a información dispoñible nesta materia con total fiabilidade dos datos posto que deben pasar un rigoroso control antes da súa incorporación ao sistema.

Base de datos de continxencias profesionais

A base ofrece información sobre dous millóns de empresas, nun 20% das cales se atopou algunha continxencia profesional (accidente de traballo, patoloxías non traumáticas causadas polo traballo, enfermidades profesionais e prestacións por risco durante o embarazo e a lactación).

En 2009 producíronse 700.000 accidentes en xornada de traballo con baixa laboral, 16.787 enfermidades profesionais e 7.200 recoñecementos de incapacidades permanentes derivadas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

A relación do número de accidentes por cada 100 afiliados permite comparar a maior ou menor sinistralidade dun sector ou dunha comunidade autónoma. A media nacional sitúase en 5,24 accidentes de traballo en xornada con baixa por cada 100 afiliados. Illes Balears rexistra o valor máximo, con 6,11, e a Comunidade de Madrid, o máis baixo con 4,46.

Os sectores con maior sinistralidade son Agricultura, Gandaría, Servicultura e Pesca, con 22,99 accidentes de traballo con baixa por cada 100 afiliados; Industria Extractiva, con 14,42, e Construción, con 10,35. No extremo oposto sitúanse as Actividades Financeiras e de Seguros, con 0,85 accidentes por cada 100 afiliados.

A Base de Datos de Continxencias Profesionais da Seguridade Social creouse en 2010 coa Orde TIN/1448/2010, de 2 de xuño que regula o establecemento dun sistema de redución de cotizacións ás empresas con maior redución e prevención da sinistralidade (bonus de 35 millóns de euros que recibiron 7.700 empresas) e a información que deben facilitar as Mutuas e entidades xestoras da Seguridade Social á Dirección Xeral de Ordenación, que se integra con toda a información dispoñible nas bases de datos do Sistema. Permite o establecemento de indicadores relativos ao gasto de cada accidente, tanto por sectores de actividade como por distribución xeográfica, e dos días non traballados, ou se se produciu ou non a plena recuperación do traballador. A base de datos está deseñada para realizar estudos longitudinales tanto a nivel de traballador, como de empresas ou de actividade económica.

A fiabilidade dos datos é absoluta xa que se interrelaciona toda a información dispoñible sobre as continxencias profesionais e, previamente á súa incorporación á base de datos, contrástase para detectar, comprobar e corrixir calquera discrepancia.

Fonte de Datos: Ministerio de Traballo e Inmigración

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS