Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Análise crítico: sinistralidade laboral galiza, 1º trimestre 2023-1ºtrimestre 2024

25-06-2024 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral

Para situarnos axeitadamente en relación a esta cuestión, temos que comezar dicindo que no conxunto do pasado ano 2023 a sinistralidade laboral na Galiza xa experimentara un incremento do 7,11% en relación ao anterior ano 2022. Isto é, vimos en relación ao ano 2022 dun período cun importante repunte da sinistralidade laboral no noso País. Por aquel entón e referíndonos exclusivamente ao 1º trimestre do 2023, producíronse na Galiza un total de 5.497 accidentes cualificados como leves, sendo os computados no 1º trimestre deste ano 2024, 6.028 os accidentes rexistrados. En definitiva, 531 accidentes máis que supoñen un incremento do 9,66% nos accidentes leves en relación ao pasado ano.

 

LIGAZÓN AO TEXTO CON GRÁFICOS

 

ANÁLISE CRÍTICO: SINISTRALIDADE LABORAL GALIZA, 1º TRIMESTRE 2023-1ºTRIMESTRE 2024

Para situarnos axeitadamente en relación a esta cuestión, temos que comezar dicindo que no conxunto do pasado ano 2023 a sinistralidade laboral na Galiza xa experimentara un incremento do 7,11% en relación ao anterior ano 2022. Isto é, vimos en relación ao ano 2022 dun período cun importante repunte da sinistralidade laboral no noso País. Por aquel entón e referíndonos exclusivamente ao 1º trimestre do 2023, producíronse na Galiza un total de 5.497 accidentes cualificados como leves, sendo os computados no 1º trimestre deste ano 2024, 6.028 os accidentes rexistrados. En definitiva, 531 accidentes máis que supoñen un incremento do 9,66% nos accidentes leves en relación ao pasado ano.

No que atinxe aos accidentes graves (o antecedente dos mortais), estes experimentaron un incremento de maiores proporcións. Se no 1º trimestre do 2023 computáronse 82 accidentes graves, no 1º trimestre deste ano 2024 producíronse na Galiza 102 accidentes graves, isto é, 20 accidentes graves máis que supoñen un notable incremento porcentual do 24,39%; sendo o sector da Industria cun 72,4% de incremento e o sector do agro cun 66,67% os que experimentaron un medre moi notable dos accidentes laborais de carácter grave.

No que respecta aos accidentes mortais, no 1º trimestre do ano 2023 producíronse 16 accidentes con resultado de morte, sendo 13 os accidentes mortais rexistrados no 1º trimestre do presente ano. Tres accidentes menos que reducen a sinistralidade  nun 18,75%, aínda que hai que destacar que nos sectores da industria e da pesca, en ámbolos dous incrementáronse de 1 a 2 os accidentes mortais, incrementándose nun 100% nestes dous sectores.

Máis aló de calquera triunfalismo ou manifestación de satisfacción por esta transitoria redución dos accidentes mortais na nosa terra, para poder situarnos con maior criterio e ponderación en relación a este tipo de accidentalidade e valorar mellor a situación na que realmente se atopa o noso País nesta cuestión, se facemos unha pequena análise comparativa en relación aos índices de incidencia dos accidentes de traballo con Baixa en xornada de traballo entre Galiza e a Comunidade Autónoma de Madrid, atopámonos que na Galiza cunha afiliación laboral media mensual de 1.031.535 afiliados/as, no 1º trimestre deste ano acadamos un índice de incidencia media en accidentes de 198,6  e de accidentes mortais de 0,420; sendo o índice de incidencia media no 1º trimestre para a Comunidade de Madrid de 167,7 e o índice de accidentes mortais de 0,114. Isto é, o Índice galego de accidentes mortais é considerablemente superior ao madrileño, cuadriplicando o mesmo a pesares de contar Madrid nese mesmo período cunha afiliación laboral media de 3.496.754 afiliados/as, que neste caso triplica a poboación traballadora galega; ocupando Galiza neste 1º trimestre do 2024 xunto con Valencia, o terceiro posto no ranquing absoluto de accidentes mortais, só por detrás de Andalucía e Cataluña,

En relación á forma na que aconteceron os 13 accidentes mortais no noso País neste 1º trimestre do 2024: 5 (38,46%) o foron por infartos e outras patoloxías non traumáticas; 4 (30,77%) por atrapamentos e/ou amputacións; 2 (15,38%) por choques ou golpes contra obxectos en movemento; 1 (7,69%) por caídas e golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbeis, e 1 (7,69%) por afogamentos e/ou sepultamentos.

Se analizamos o conxunto dos accidentes de traballo con baixa por tipo de contrato, atopámonos que en termos totais os indefinidos incrementáronse nun 13,77% en relación ao 1º trimestre do 2023; os temporais baixaron un -3,13% e os de autónomos subiron un 1,75%. Datos que en principio poderían indicar en primeira instancia un cambio de tendencia á mellora na accidentalidade dos contratos temporais, mais se analizamos os accidentes deste grupo en relación a cualificación dos accidentes as conclusión cambian radicalmente. Así desagregando os datos, vemos que os accidentes graves aumentaron para os contratos temporais nun elevadísimo 55,56% e para os accidentes mortais nun estratosférico 200%. Esta circunstancia séguenos a indicar que os contratos temporais, normalmente pertencentes a empregados/as con pouca experiencia laboral e profesional e/ou pouco coñecemento do sector ou a actividade na que están a desenvolver o seu traballo, concentran a exposición a un maior número de riscos con peor prognóstico en termos de accidentalidade grave e mortal.

Se nos centramos nos accidentes in itínere (casa-traballo-casa) vemos que os accidentes in itínere incrementáronse nun 10,42%, pasando de 643 accidentes no 1º trimestre 2023 a 710 accidentes no 1º trimestre de 2024, dos cales se pasou en accidentes leves de 631 a 694 (9,98%); en accidentes graves de 12 a 15 (25%) e en accidentes mortais de 0 a 1 (100%)

Se falamos do índice de incidencia media (accidentes por 100.000 traballadores/as). No 1º trimestre do 2023 o índice de incidencia foi de 552,08 e no 1º trimestre 2024 de 590,78%, un 7,01% de incremento.

Por provincias os maiores incrementos da incidencia concentráronse na provincias de Pontevedra cun 16,56% e A Coruña cun 6,16%.

En relación á evolución comparativa das enfermidades profesionais con baixa na Galiza entre os primeiros trimestres do 2023 e 2024, atopámonos con que en termos totais, no GRUPO I: EP causadas por axente químicos, pasouse de 8 casos recoñecidos a 6 (-25%); No GRUPO II: EP causadas por axentes físicos, pasouse de 146 a 166 casos recoñecidos (13,70%); No GRUPO III: EP causadas por axentes biolóxicos, pasouse de 9 a 15 casos recoñecidos (66,67%); No GRUPO IV: EP  causadas por inhalación de substancias e axentes non comprendidos noutros apartados, pasouse de 27 a 47 casos recoñecidos (74,07%); No GRUPO V: EP da pel causadas por substancias e axentes non comprendidos nalgún dos outros apartados, pasouse de 8 a 8 casos recoñecidos (-); No GRUPO VI: EP causadas por axentes carcinóxenos, pasouse de 0 a 1 (100%).  Así logo, no global total no 1º se pasó de do 2023 recoñecéronse 198 casos de enfermidade profesional e no 1º se pasó de do 2024 recoñecéronse 243, o que supón un incremento do 22,73%.

Documentos

ANÁLISE CRÍTICO SINISTRALIDADE LABORAL GALIZA 1º TIRMESTRE 2023 1º TRIMESTRE 2024.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS