Financiado por:
/ Portada / Coronavirus

Informe sobre a situación de COVID-19 en persoal sanitario no Estado

10-05-2020 - RENAVE-ISCIII

O Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), a través da Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE), publicou o "Informe sobre a situación de COVID-19 en persoal sanitario en España", no que se analizan os 30.660 casos de COVID-19 notificados á RENAVE ata o pasado 4 de maio. Neste estudo avalíanse características demográficas, clínicas e epidemiolóxicas, así como as particularidades dos casos segundo nivel de gravidade (hospitalizados e non hospitalizados, UCIs e defuncións).

O "Informe sobre a situación de COVID-19 en persoal sanitario en España", reflicte uns resultados, entre os que destacan os seguintes:

1. O 76% dos profesionais sanitarios con COVID-19 son mulleres, cunha idade media de 46 anos (47 en homes fronte a 46 en mulleres).

2. Os síntomas máis frecuentes que desenvolveron estes traballadores/as son tose, febre, calafríos e dor de garganta. Un de cada tres pacientes presentou clínica dixestiva (diarrea ou vómitos), sendo máis frecuente en mulleres que en homes, do mesmo xeito que a disnea e a dor de garganta. A febre, en cambio, repetiuse máis entre os homes.

3. Un 10,9% dos sanitarios con COVID-19 foi hospitalizado, un 16,5% desenvolveu pneumonía, un 1,2% requiriu ingreso en UCI e un 0,1% faleceu. Os homes presentan, fronte ás mulleres, unha maior prevalencia de pneumonía, enfermidades de base e unha maior porcentaxe de hospitalización, admisión en UCI e ventilación mecánica.

4. O 65% destes profesionais presenta como antecedente epidemiolóxico de risco o contacto con persoas con infección respiratoria e o 70%, o contacto estreito con casos de COVID-19 probable ou confirmado.

5. Os traballadores/as sanitarios con pneumonía teñen unha idade significativamente superior que os que non padeceron esta infección (52 vs 45 anos, respectivamente). A porcentaxe de homes, de persoas con enfermidade de base (especialmente enfermidade cardiovascular), así como a porcentaxe de hospitalización, ventilación mecánica, admisión en UCI e defunción é significativamente maior entre os pacientes que presentan pneumonía.

6. Entre os ingresados en UCI, fronte aos hospitalizados que non a requiriron, existe unha maior proporción de homes e unha maior prevalencia de enfermidades de base, pneumonía e presentación de síndrome de distrés respiratorio do adulto.

7. Segundo a información dispoñible ata o momento, a letalidade dos casos de COVID-19 en persoal sanitario notificado á RENAVE é de 0,1% (35 casos). Estes resultados deben interpretarse con precaución, debido a que se consideraron como non falecidos os casos sen información nesta variable, e deben ser confirmados en posteriores análises.

8. Nunha escala de gravidade de casos non hospitalizados, hospitalizados, admitidos en UCI e falecidos, o informe observa que a idade aumenta co nivel de gravidade. A medida que aumenta a gravidade, existe unha maior porcentaxe de homes e de pacientes con enfermidade de base. A prevalencia de enfermidade de base é do 30% nos casos non hospitalizados, 50% nos casos hospitalizados, 66% nos casos ingresados en UCI e 82% nos falecidos. En definitiva, os homes, os pacientes de maior idade e con enfermidades de base e factores de risco están máis representados a medida que aumenta a gravidade.

Ligazón ao Informe sobre a situación de COVID-19 en persoal sanitario en España

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS