Financiado por:
/ Portada / Coronavirus

A Secretaría Confederal de Saúde Laboral da CIG critica a indefensión das persoas traballadoras especialmente sensíbeis ou vulnerábeis ao COVID-19

13-04-2020 - Secretaría Confederal de Saúde Laboral. Francisco X. Cartelle Pérez

A Secretaría Confederal de Saúde Laboral entende que a volta ao funcionamento daquelas actividades laborais que non son esenciais, estase a levar a cabo sen as garantías precisas para a saúde das persoas traballadoras.

En especial, as persoas máis vulnerábeis atópanse desprotexidas, ao deixar o Goberno en mans dos Servizos de Prevención das empresas a avaliación e informe sobre as persoas especialmente sensíbeis, é dicir, serán os Servizos de Prevención das empresas as que determinen se as persoas especialmente sensíbeis poden manterse nos seus postos de traballo ou en caso contrario, deban realizar o informe preceptivo para que, en base ao mesmo, os Servizos Públicos de Saúde estenda a baixa médica derivada desa vulnerabilidade.

Nin que dicir ten que a actitude dos Servizos de Prevención das empresas ou incluso as propias Mutuas  non se distinguen maioritariamente por antepor a saúde das persoas traballadoras aos intereses das empresas.

O Goberno non só abandona á súa sorte a estas persoas, senón que mesmo minte ao afirmar o Ministro Illa e introducilo na guía de “Boas Prácticas” editada polo Ministerio de Sanidade, ao afirmar que estas persoas non deben acudir ao traballo, cando na realidade, como dicimos, isto vano determinar en primeira instancia os Servizos de Prevención das empresas, o que está a provocar que a maioría das persoas sensíbeis continúen arriscando a súa vida nos postos de traballo.

Resulta intolerábel, e mesmo podería ser delituoso, que se arrisque a vida das persoas traballadoras máis vulnerábeis ao Covid-19 deste xeito tan perverso. 

Dende a CIG esiximos que as persoas traballadoras de servizos non esenciais queden na casa,  e con máis motivo as persoas especialmente  sensíbeis, e por  suposto sen perda de retribucións, pois o feito de ser especialmente vulnerábel non pode derivar en perda de dereitos, senón que deberían  ser estas, persoas especialmente protexidas.

Consideramos que deben ser os Servizos Públicos de Saúde os que en función da actividade realizada pola persoa traballadora e do seu expediente médico expidan as correspondentes baixas médicas, salvo, en todo caso, informe contrario dos servizos de prevención da empresa. Sería esta unha medida realmente proteccionista.

 

A saúde das persoas debe ser o primeiro, nunca os intereses do Capital !!!

 

Ferrol, 13 de abril de 2020

 

Francisco Xabier Cartelle Pérez

Secretario Confederal de Saúde Laboral da CIG

 

Documento imprimible no PDF adxunto

Documentos

A Secretaría Confederal de Saúde Laboral da CIG critica a indefensión das persoas traballadoras especialmente sensíbeis ou vulnerábeis ao COVID-19.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS