Co financiamento de:
/ Medio ambiente

O proxecto ENSEMBLES axuda a perfeccionar as predicións do risco climático

22-07-2013 - MEDIO AMBIENTE

O proxecto financiado con fondos europeos ENSEMBLES contribuíu notablemente a perfeccionar as predicións do risco climático. A combinación de varios modelos climáticos globais e a creación de mostras do estado futuro do sistema terrestre permitirán á comunidade científica debuxar un panorama máis claro de como será o clima dentro de cinco, dez ou mesmo vinte anos.

Albiscar que tipo de clima agarda nun futuro ten suposto dende antano un auténtico reto debido á complexidade e a incerteza inherentes ao sistema climático planetario. O alcance e o efecto da variabilidade climática natural e do impacto que exerce o ser humano son factores en extremo complicados de predicir. De feito, as investigacións máis recentes suxiren que é moi probable que o planeta se vexa afectado por un quentamento global de entre 1,4 e 3 graos centígrados para 2050.

Debido á dificultade de predicir con tanta antelación as emisións e outros factores humanos que inflúen no clima, a ciencia serviuse de distintas proxeccións hipotéticas baseadas en presuposicións sobre as futuras condicións económicas, sociais, tecnolóxicas e ambientais. O proxecto ENSEMBLES baseouse neste método para integrar de xeito sistemático e exhaustivo unha serie de distintos modelos de medición climática. O obxectivo principal do proxecto foi aproveitar e combinar a tecnoloxía dispoñible co fin de crear as ferramentas necesarias para lograr predicións máis axustadas á realidade.

Este novo sistema de predición climática composto é aplicable a unha ampla gama de escalas temporais e xeográficas e ofrece proxeccións máis precisas en relación ao cambio climático. Os exercicios de validación executados foron exhaustivos e as predicións de probabilidade realizadas co sistema modelo cotexáronse a fondo cos datos existentes.

Dende os seus inicios, incidiuse nos cambios que se producen nos eventos extremos, por exemplo a gravidade e a frecuencia das ondas de calor, a seca, os incendios forestais e as inundacións, e os efectos de sucesos pouco probables pero de grande impacto tales como a desaparición das correntes cálidas no Atlántico Norte.

Os resultados iniciais do proxecto mostran que os impactos do cambio climático influirán en todos os sistemas e sectores estudados. De feito espérase que o proxecto, no que participaron sesenta e seis institucións de dezanove países (principalmente de Europa), inflúa enormemente nunha ampla gama de aplicacións como a agricultura, a saúde, a enerxía e os recursos hídricos.

Todos os resultados do proxecto apoian as conclusións de estudos anteriores sobre predicións e impactos do cambio climático. A novidade que achegan os resultados de ENSEMBLES radica en que describen con maior precisión como cambiará o clima ante distintas presuposicións con respecto ás emisións futuras. Ademais inclúen, por vez primeira, proxeccións climáticas multimodelo nun caso hipotético de mitigación dos gases de efecto invernadoiro conducente á estabilización das emisións e a temperatura, tal e como pretenden lograr as políticas europeas.

O valor engadido procede ademais do emprego de modelos mellorados, o desenvolvemento de novas e mellores técnicas de análise e difusión de proxeccións e as súas incertezas e a demostración de como pode aplicarse esta información en avaliacións de impacto relevantes para a redacción de políticas.

Outro beneficio do proxecto foi a reunión dunha inmensa cantidade de expertos en distintas disciplinas e sectores que contribuíu sen dúbida a dinamizar o Espazo Europeo de Investigación.

 

Fonte: Redacción Ambientum

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS