Co financiamento de:
/ Medio ambiente

O Courel, primeiro xeoparque mundial da UNESCO en Galiza

31-07-2019 - UNESCO

No sur de Lugo, as montañas dos municipios de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil ofrecen un escaparate xeolóxico que sobresae con algúns elementos de relevancia internacional polas súas características excepcionais. A UNESCO recoñeceu as particularidades das montañas destas zonas, con pregamentos e formas case xeométricas que datan de hai centos de millóns de anos. O xeoparque conta cunha extensión de preto de 600 quilómetros cadrados.

Entidades como o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IXME), recoñecen como lugares de interese internacional (os chamados xeosites) diversas formacións no contexto da oroxenia varisca ibérica, como os pregamentos tombados de Campodola-Leixazós, Froxán, Busto ou Alto do Castro.

Alén da xeoloxía, é posible achegarse a vestixios históricos que dan conta da longa e intensa ocupación humana do territorio: castros, restos de castelos, e mesmo xacementos prehistóricos que permiten coñecer como era a fauna e como se movían os nosos devanceiros pola zona. Miradoiros como  Fisteus ou Campodola permiten observar con perspectiva os millóns de anos de historia que amosan as paisaxes.

Tamén é posible achegarse a lugares de grande interese como as numerosas caleiras para obtención do cal e explotacións de elementos como o antimonio, no caso das antigas minas de Vilarbacú, e outros minerais.

Do mesmo xeito, o riquísimo patrimonio etnográfico do Courel maniféstase en construcións como as alvarizas, que os apicultores construíron dende hai séculos para protexer as colmeas dos osos pardos que hoxe, pouco a pouco, volven aparecer pola serra.

O xeoparque conta con cinco centros de interpretación: a Estación Científica do Courel,  o Centro de Interpretación Covas, os museos xeolóxico e etnográfico de Quiroga e o Museo da Minería de Ribas do Sil.

Ademáis da súa riqueza xeolóxica  O Courel é tamén un enclave natural de gran valor tanto a nivel animal (nel conviven decenas de especies de aves, mamíferos, anfibios e réptiles, xunto cos proxectos para a recuperación do oso pardo) como vexetal (extensos soutos e tesouros como a Devesa da Rogueira, un bosque único en Galicia grazas á súa biodiversidade).

Na actualidade, hai arredor de 150 xeoparques no mundo, repartidos en máis de 40 países. Estas áreas combinan a conservación da natureza, o desenvolvemento sostible e a divulgación do patrimonio xeolóxico para contribuír á protección e valorización das mesas.

Fontes: www.gciencia.com, crtvg, www.courelmountains.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS