Financiado por:
/ Medio ambiente

Bruxelas propón un recorte en emisións de CO2 pero esquécese da eficiencia enerxética

27-01-2014 - CLIMA

A Comisión Europea propuxo este mércores fixar un obxectivo obrigatorio de recorte de emisións de CO2 para a UE do 40% en 2030 (respecto aos niveis de 1990) co fin de manter o liderado na loita contra o cambio climático. Bruxelas pide ademais unha cota obrigatoria de renovables do 27% para o conxunto da UE, pero sen metas individuais para cada Estado membro, e prescinde do obxectivo de eficiencia enerxética en 2030.

Os obxectivos deben ser agora ratificados polos xefes de Estado e de Goberno dos vinteoito no cumio que se celebrará a finais de marzo.

Con este paquete de medidas sobre enerxía e cambio climático, o Executivo comunitario pretende dar seguimento ao triplo obxectivo obrigatorio que a UE se fixou para 2020: un 20% de recorte de emisións, un 20% de cota de renovables e un 20% de aforro enerxético.

Non obstante, a forte crise económica que viviu a UE nos últimos anos deixou en segundo plano a loita contra o cambio climático e fixo que aumente a presión para relaxar as metas de redución de emisións e de renovables, en particular da industria, que alega que está a perder competitividade respecto a empresas doutras áreas do mundo con lexislación ambiental menos estrita.

Estas presións fixeron efecto á hora de relaxar o obxectivo de renovables e prescindir do de eficiencia enerxética.

O presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, sostivo que a loita contra o cambio climático e a posta en marcha dunha auténtica política enerxética "non son aspectos contraditorios". "Á UE convenlle crear unha economía creadora de emprego que sexa menos dependente da enerxía importada", subliñou.

Ao seu xuízo, o recorte do 40% constitúe un "obxectivo ambicioso" e a cota de renovables do 27% "garante estabilidade aos investidores, estimula os empregos verdes e sostén a nosa seguridade de subministración". "A Comisión demostrou que todos os que dicían que non ía presentar ningunha medida ambiciosa se equivocaban", subliñou pola súa banda a comisaria de Acción polo Clima, Connie Hedegaard.

De feito, Hedegaard acabou impoñendo as súas teses fronte a outros comisarios que pretendían reducir ao 35% o obxectivo de recorte para 2030, como os responsables de Industria, Antonio Tajani, e Enerxía, Günther Verheugen. Este obxectivo conta co apoio de España, Francia, Reino Unido, Italia, Alemaña e Holanda -que asinaron unha carta conxunta-; pero tamén de Irlanda, Dinamarca, Suecia, Eslovenia, Portugal ou Finlandia. Agora debe distribuírse entre os Estados membros.

Pero a patronal europea, BusinessEurope, xa dixo que un recorte do 40% sería excesivo porque o resto de socios internacionais da UE non están a facer esforzos comparables. En contraste, as organizacións ecoloxistas cren que o obxectivo do 40% non é suficientemente ambicioso para frear o quentamento global.

Cambio de postura en renovables

En canto ás renovables, finalmente si haberá unha cota xuridicamente vinculante para o conxunto da UE do 27%, algo que hai uns días parecía descartado. Non obstante, Bruxelas renuncia a fixar metas individuais para cada Estado membro, como acontece na actualidade, alegando a necesidade de respectar as importantes diferenzas na cesta enerxética de cada país.

Mentres Alemaña e Francia asinaron unha carta con outros seis países - Austria, Bélxica, Dinamarca, Irlanda, Italia e Portugal- na que piden á Comisión un novo obxectivo de renovables para 2030 que incentive os investimentos no sector, outros países con Reino Unido rexeitan un obxectivo obrigatorio porque a súa aposta se dirixe máis á enerxía nuclear ou ao gas lousa. Tampouco o Estado español quería que a UE fixase un novo obxectivo para 2030.

Os Estados membros deberán elaborar plans enerxéticos, nos que expliquen que pretenden facer en materia de renovables. O Executivo comunitario avaliará se os plans son suficientes para alcanzar o obxectivo europeo e, no caso contrario, podería pedir medidas adicionais ou mesmo lexislar.

O obxectivo que si desaparece por completo para 2030 é o de eficiencia enerxética. Bruxelas xustifícao pola necesidade de estudar a cuestión máis en profundidade na revisión da directiva sobre eficiencia enerxética, que debe concluír a finais deste ano. Só entón se formulará se é necesario modificar a lexislación. A Eurocámara reclamara unha cota obrigatoria de aforro enerxético do 40%.

Custos e beneficios

Os investimentos anuais medios necesarios durante o período 2011 ata 2030 para cumprir estes obxectivos ascende a ao redor de 38.000 millóns de euros para a UE no seu conxunto, que segundo Bruxelas se verán compensadas polos aforros en carburantes. Máis da metade destes investimentos necesítanse nos sectores residencial e terciarios.

O custo total do sistema enerxético en 2030 terá aumentado un 0,15% se os obxectivos se alcanzan da forma máis eficaz, mentres que o custo medio durante o período 2011 a 2030 aumentará en 2.000 millóns de euros ao ano, segundo os cálculos de Bruxelas.

O Executivo comunitario sostén que estas políticas permitirán reducir as importacións enerxéticas polo menos un 10% respecto a 2010. Os custos de controlar a contaminación caerán 2.000 millóns de euros e os custos sanitarios provocados pola contaminación reduciranse ata 11.000 millóns en 2030.

Comercio de emisións

Ademais dos novos obxectivos en materia de enerxía e cambio climático, Bruxelas propuxo este mércores unha proposta para reformar o mercado de emisións de CO2 creando unha reserva de estabilidade. En concreto, a Comisión formula que en momentos de crise económica poidan retirarse do mercado permisos de CO2 para evitar un exceso de oferta e que os prezos se derruben.

Estes permisos pasarían á reserva de estabilidade, na que se incluirían xa os 900 millóns de toneladas cuxa poxa se aprazou ata 2019-2020, e volverían ao mercado cando a economía vaia ben e aumente o consumo enerxético.

Bruxelas propón que os criterios para determinar cando deben retirarse permisos de CO2 do mercado estean predefinidos -tendo en conta as previsións económicas da Comisión ou os índices de produción industrial- e se apliquen de forma automática, sen unha autoridade central de regulación.

 

Fonte: Ambientum

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS