Co financiamento de:
/ Medio ambiente

Altos niveis de ozono na Galiza

19-07-2016 - Contaminación

O ozono troposférico ou "ozono malo" é un gas incoloro e inodoro que se xera na troposfera a través de reaccións fotoquímicas: luz solar, dióxido de nitróxeno e hidrocarburos emitidos por automóbíles e certas industrias. Nos pasados días, producíronse niveis elevados deste gas contaminante, motivados polo incremento das temperaturas, o elevado número de desprazamentos en automóbil e a maior actividade das centrais térmicas de carbón (debida á suba na demanda de electricidade). A pesares dos altos niveis de concentración rexistrados por estacións medidoras durante o domingo, superiores aos 180 microgramos por metro cúbico, non foi ata o onte luns cando as administracións informaron de que viñan de detectarse niveis de ozono no aire que superan o limiar de atención estabelecido no protocolo correspondente.

O ozono provoca por inhalación irritación dos ollos e vías respiratorias superiores, dores respiratorias, un incremento do risco de enfermidades respiratorias agudas e redución da función pulmonar, así como o agravamento de patoloxías cardiovasculares.

As autoridades deben advertir á poboación, en aplicación do  Real Decreto 102/2011, relativo á mellora da calidade do aire, sobre os episodios de contaminación de xeito que persoas sensibles, como poden ser nenos e nenas, persoas maiores, mulleres embarazadas ou persoas con problemas respiratorios ou cardiovasculares, estabelezan protocolos de actuación que eviten "nas horas centrais do día e á caída da tarde calquera esforzo físico e os exercicios ao aire libre". O ozono, ademais de para as persoas, é tamén tóxico para a vexetación, danando os bosques e reducindo a produtividade dos cultivos.

O pasado domingo varias estacións medidoras sobrepasaron os 180 microgramos por metro cúbico, nivel estabelecido no Real Decreto a partir do cal as administracións deben informar á cidadanía; así na  estación medidor de Noia acadouse ás seis da tarde o nivel máximo (228 microgramos por metro cúbico), preto do nivel de alerta fixado polo Real Decreto. No caso da Illa de Arousa, o máximo acadouse ás dez da noite. O pasado luns ás 16 horas a estación de Ponteareas tiña un nivel de 184 µg/m3, e a de Ferrol tamén se achegaba a esa cantidade.  A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio informou a través da súa web de que "foran detectados niveis de ozono no aire que superan o limiar de atención establecido no protocolo correspondente, afectando dita situación á calidade de aire dos concellos de Ponteareas, O Porriño, Santiago de Compostela e As Pontes. A duración estimada do episodio será ata as 20 horas do luns 18, atendendo ás previsións de mellora para este día. Así mesmo, para os próximos días a previsión tamén é de mellora".

Mais información nas  webs de Meteogalicia e do Ministerio de Medio Ambiente

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS