Protección da maternidade no traballo. Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 202-07-2012 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 2Son varios os factores que determinan a necesidade de tratar de maneira específica a seguridade e a saúde das mulleres no traballo. De entrada, é preciso un enfoque dende unha perspectiva de xénero, porque a saúde e a forma de enfermar das mulleres e dos homes é distinta debido a razóns biolóxicas. Calquera posto de traballo pode ser ocupado por unha muller e esta pode estar embarazada ou en período de lactación, situacións que bioloxicamente atinxen só á muller e que requiren dunha protección especial dentro do entorno laboral. | ![]() |
|---|
Nos últimos anos a muller foise incorporando a todos os sectores e tipos de traballo, sendo habitual encontrar traballadoras expostas a substancias e condicións que comportan riscos para a maternidade e que poden derivar en consecuencias tan negativas como pode ser un aborto, parto prematuro, malformacións conxénitas e baixo peso do/a recén nado/a.
Malia a regulación da protección da saúde da muller traballadora no embarazo, a situación de desvantaxe e incluso de penalización na maternidade, segue sendo un feito na práctica e na norma que a miúdo supón consecuencias laborais adversas, tales como o despido ou obstáculos para a contratación.
Coa entrada en vigor da Lei Orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, modificouse a Lei de Prevención de Riscos Laborais, de maneira que se introduciron o que parecían en principio, dous grandes avances neste ámbito: recoñecíase a continxencia por risco na lactación natural, xa que moitos dos riscos para o embarazo seguen aí durante a lactación, e recoñecíase como profesional este tipo de continxencia.
Co recoñecemento da continxencia por risco na maternidade como profesional, aínda que supuxo un logro importante, xurde a barreira de que a prestación correspondente é xestionada practicamente no 100% dos casos polas mutuas, co problema engadido que isto supón. Cando as traballadoras solicitan esta prestación, atópanse con dificultades como que a mutua lles denega a prestación ou concédella a partir dunha semana de xestación determinada que non obedece a necesidades reais, polo que son moitas as mulleres que seguen collendo unha baixa por continxencias comúns e son moitas as que seguen desenvolvendo a súa actividade profesional nun contorno no que existen riscos para a súa saúde.
Por outra banda, a Lei de Igualdade tamén modificou a Lei Xeral da Seguridade Social, de maneira que a prestación por risco na maternidade pasou de ser do 75% ao 100% da base reguladora correspondente, desaparecendo a discriminación que supuña cobrar só o 75%. Aínda presentando a muller un embarazo clinicamente sen problemas, esta ten que abandonar o seu posto de traballo porque comporta riscos para a súa saúde e a da súa descendencia, razón que non ten que ver para nada cunha enfermidade común.
Polo demais, seguimos cos vellos e coñecidos atrancos: nas avaliacións de riscos non se recollen nin determinan cales son os axentes, procedementos ou condicións de traballo que presentan risco específico para a maternidade, non se preveñen as adaptacións nin os cambios de posto cando o risco non pode ser eliminado, e non se determinan cales son os postos exentos de risco a pesar de que a empresa esta obrigada a elaborar esta listaxe.
En definitiva, malia supoñer unha infracción moi grave en materia de prevención de riscos laborais, non observar as normas específicas en materia de protección da seguridade e saúde das traballadoras durante a maternidade, a administración segue permitindo esta vulneración de dereitos, de maneira que as empresas e as mutuas seguen actuando con total impunidade e poñendo en risco a saúde das mulleres e a das súas crianzas, ademais de limitar os seus dereitos económicos e laborais.
LEMBRA QUE:
Non existe obriga legal de comunicar o embarazo á empresa, aínda que se a traballadora vai precisar unha adaptación ou cambio de posto ou se vai presentar unha solicitude de suspensión temporal de contrato por risco no embarazo é mellor facelo canto antes.
NON É O MESMO
Embarazo de risco
Debido a unha situación na que se presentan problemas na evolución clínica do embarazo, non derivados do traballo que desenvolve a traballadora. Esta situación deriva nunha incapacidade temporal derivada de continxencias comúns.
Risco no embarazo
Prodúcese cando a situación de risco é atribuible á exposición laboral (axente nocivo, condición de traballo ou procedemento do mesmo) que xera un risco para a saúde da traballadora (embarazada, que deu a luz recentemente ou en período de lactación). De aquí se deriva unha adaptación do posto, cambio de posto ou incluso a suspensión do contrato por risco no embarazo. A xestión e o pagamento da prestación económica por risco durante o embarazo corresponderá á Entidade Xestora ou á Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social en función da entidade coa que a empresa teña concertada a cobertura dos riscos profesionais.
O PERÍODO DE LACTACIÓN NATURAL:
A lei recoñece a situación de risco durante a lactación natural dun fillo ou filla de menos de nove meses, cando as condicións de traballo puidesen influír negativamente na saúde da nai ou do fillo ou filla e así se acredite.
xiste para o período de lactación natural a posibilidade de suspensión de contrato de traballo nos supostos en que, debendo a muller traballadora cambiar de posto de traballo por outro compatible coa súa situación, o devandito cambio de posto non resulte técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente esixirse por motivos xustificados.
Nos supostos de suspensión do contrato por risco durante a lactación natural, existe unha prestación económica, que consiste nun subsidio equivalente ao previsto para a prestación por risco durante o embarazo; éste extinguirase no momento en que o/a fillo/a cumpra nove meses, salvo que a beneficiaria se incorpore con anterioridade ao seu posto de traballo anterior ou outro compatible coa súa situación.
O tempo que a traballadora estea percibindo esta prestación, seguirá cotizando á Seguridade Social.
Poder imprimir este artigo, en formato folleto, no PDF adxunto
SE QUERES CONSULTAR DÚBIDAS
Secretaría Confederal de Muller e Mocidade da CIG
Servizos de asesoramento do Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG
LEXISLACIÓN DE INTERESE
Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais
Lei Orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes
Lei 2/2007 de traballo en igualdade das mulleres en Galiza
Lei Xeral da Seguridade Social
RD 1251/2001 de 16 de novembro polo que se regulan as prestacións económicas do sistema da Seguridade Social por maternidade e risco durante o embarazo.
RECURSOS EN REDE
http://www.galizacig.com/avantar/muller/novas
http://www.cigsaudelaboral.org/igualdade