Co financiamento de:
/ Igualdade

Cando o traballo se converte nun campo de batalla

07-03-2013 - PSICOSOCIAL

A OIT destaca o tema do acoso sexual no lugar de traballo en ocasión do Día Internacional da Muller o 8 de marzo. O lema este ano é "Deter a violencia no traballo".

De acordo con cifras da ONU, entre 40 e 50 por cento das mulleres na Unión Europea son vítimas de propostas sexuais indesexadas, contacto físico, insinuacións verbais ou outras formas de acoso sexual no seu lugar de traballo; nos países de Asia-Pacífico a incidencia é de entre 30 e 40 por cento. En Australia, segundo a Comisión de Dereitos Humanos do país, 25 por cento das mulleres foron acosadas sexualmente no lugar de traballo. Os homes tamén poden ser vítimas de acoso sexual, pero é moito menos frecuente.

"O acoso sexual e outras formas de fustrigamento e abuso -físico, verbal ou psicolóxico-, a intimidación, a agresión, o estrés e a violencia relacionados co traballo afectan a todas as profesións e sectores, e tanto ás mulleres como aos homes", declarou Jane Hodges, Directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da OIT. "Non obstante, non existe ningún tratado internacional en materia de dereitos humanos que prohiba de xeito explícito a violencia contra as mulleres, e a cuestión segue estando mal definida e comprendida no marco do dereito internacional relativo aos dereitos humanos".


Un dos principais problemas é que moitas mulleres non denuncian o acoso por temor a perder o seu emprego. O custo para os traballadores está representado por un aumento do estrés, a perda da motivación e un incremento do risco de accidentes no traballo. "A violencia e o acoso no lugar de traballo constitúen un obstáculo importante para que as mulleres teñan acceso e logren progresar nos mercados laborais. Erosiona as condicións decentes de traballo".

Tamén é custoso para as empresas: "Este é un problema moi importante para os empregadores. O acoso no lugar de traballo xera absentismo, incrementa a rotación do persoal e diminúe o rendemento e a produtividade laboral", explicou Deborah France-Massin, Directora de ACTEMP, a Oficina de Actividades para os Empregadores da OIT.

Ademais da OIT, este problema preocupa a moitos empregadores: "A violencia no mundo de traballo é unha cuestión de dereitos humanos. Un enfoque adecuado para eliminar a violencia no traballo implica atacar as causas que dan orixe ás prácticas discriminatorias e coñecer as grandes diferenzas dos contextos rexionais, culturais e sociais", sinalou Brent Wilton, Secretario Xeral da Organización Internacional de Empregadores (OIE), a cal representa máis de 150 federacións de empresas e empregadores de todo o mundo.

Segundo Dan Cunniah, Director de ACTRAV, Oficina de Actividades para os Traballadores da OIT: "ACTRAV considera o acoso sexual como unha forma de violencia no traballo. Repudiemos e eliminemos o acoso sexual do lugar de traballo co fin de salvagardar a dignidade e igualdade dos traballadores".

"É un tema de dereitos humanos, así como un problema de saúde, de educación e socio económico. A violencia no lugar de traballo é un problema oculto, pero con consecuencias moi tanxibles".

Unha parte do desafío consiste en cambiar as actitudes. Moitas persoas quitan importancia ao problema, reducíndoo a "só un pouco de diversión". Pero, dixo Jane Hodges, o acoso sexual ten efectos daniños en moitos niveis.

 

Fonte: OIT

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS