Co financiamento de:
/ Gabinete

Xustiza, igualdade e equidade: o avariado ascensor social

28-04-2022 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 42

A“grosso modo” e en poucas palabras, o chamado “ascensor social” poderiámolo definir como a capacidade que ten unha persoa para desenvolver e construír a súa vida persoal e profesional en función e grazas ao seu esforzo e ás súas propias capacidades, máis aló dos recursos económicos ou de influencia que poida ter a familia onde naceu e a súa contorna. Así logo é este un concepto fondamente enraizado nas democracias sociais e de dereito que participan dos principios fundamentais de xustiza, igualdade e equidade social e a través dos cales, o esforzo, o mérito e as propias capacidades son o medio fundamental para que a maioría dos cidadáns poidan progresar e mellorar a súa calidade de vida.

Outra cousa moi distinta é que na realidade este ascensor social funcione mellor ou peor, ou simplemente non funcione na actual situación político social que nos está a tocar vivir. De ser así, no caso de funcionar, a mobilidade social debería estar ao alcance das persoas que realmente se esforzaran en progresar para ter unha vida mellor que a que tiveron os seus propios pais: unha mellor cualificación, un mellor emprego e un máis alto poder adquisitivo; en definitiva unhas mellores condicións de vida con perspectivas de futuro máis favorables.

Para que estas expectativas de mellora social a través do ascensor se poidan producir, cando menos se deberían producir tres circunstancias fundamentais, a saber:

a) Unha educación pública asumible e de calidade

En termos xerais deberiamos poder inferir que a maior formación e nivel educativo maior posibilidade de ingresos máis altos.

b) Unha capacidade adquisitiva das familias estable e suficiente

Cuestión esta referida á capacidade da familia para poder levar unha vida digna con capacidade suficiente para cubrir economicamente as necesidades básicas dos seus membros e incluso para ter unha pequena capacidade de aforro para afrontar imprevistos.

c) Un mercado laboral equilibrado e con oportunidades reais de empregoaaaaaaaaaaaaaaa                                   Sen dúbida algunha este elemento resulta esencial para un funcionamento razoable do ascensor social. Se unha mellor formación e cualificación non permite acceder ás persoas a mellores ocupacións, entón atopariámonos con que o ascensor social de mérito e capacidade derivado do acceso a unha educación pública asequible e de calidade non funcionaría para unha gran maioría da clase traballadora.

Aínda que ata agora o Estado español en relación ao conxunto de Estados da OCDE tivo unha evolución razoable en materia de mellora da mobilidade social en función dos méritos e capacidades adquiridos a través da formación e educación pública, de tal xeito que ata hai uns anos unha familia de clase baixa necesitaba catro xeracións para acadar uns ingresos económicos que se poderían considerar de clase media; a realidade é que esta dinámica se truncou abrupta e radicalmente pola base como consecuencia da imposición por parte do anterior Goberno do Partido Popular (PP) dunha reforma laboral inxusta e brutal que eliminou dun plumazo dereitos fundamentais dos traballadores/as e destruíu con premeditación e aleivosía a negociación colectiva, sen dúbida unha das ferramentas máis importantes para a defensa dos intereses e dereitos laborais da clase traballadora; ademais da imposición doutras moitas disposicións lexislativas que en definitiva supuxeron un importante deterioro do sistema educativo público, unha redución importantísima dos programas de becas educativas tanto no seu número como na súa contía, e unha destrución sen parangón dos dispositivos de protección social cos que ata ese momento, crise do 2008, contaba a sociedade española e as clases traballadoras en particular. Dende a aplicación por parte do Goberno do PP liderado por Mariano Rajoy deste feixe de políticas e medidas fondamente inxustas e antisociais inspiradas no capitalismo neoliberal máis radical, fascista e antidemocrático, a vida das persoas traballadoras, incluído o funcionamento do ascensor social, non voltou a ser a mesma.

Todos os actos teñen as súas consecuencias. A política neoliberal clasista e miserable aplicada polo PP de Mariano Rajoy tivo e aínda terá consecuencias terribles e desastrosas para a gran maioría social traballadora, que deberá ir reconstruíndo e reparando pouco a pouco e paso a paso o imperdoable dano causado por  estas nefastas políticas de corte ultraliberal, aplicadas con tanta saña e desprezo aos seres humanos pola dereita política e económica deste até agora en grande medida fallido Estado “democrático”. Estado en gran parte aínda intervido e controlado polos poderes fácticos herdeiros do franquismo que até agora a democracia nunca foi quen de derrotar nin desterrar.

Significativamente é a propia OCDE quen manifesta en varios dos seus estudos que a mobilidade social non só ten que ver, que si, coa renda ou o salario, se non que tamén con cuestións obxectivas tales como a vivenda, o transporte, a fiscalidade, etc. A progresión social non se produce por que si. Un estudante fillo dunha familia traballadora non chega á Universidade por arte de “maxia”; para poder facelo teñen que darse unas circunstancias reais e obxectivas que llo faciliten e permitan.

O que di a propia OCDE (organización nada sospeitosa de ter nin tan sequera un lixeiro sesgo de esquerdas en algún dos seus plantexamentos e discursos) é que analizando globalmente a mobilidade social, as persoas nadas nas décadas dos anos 60 e 70 do pasado século desfrutaron dunha boa mobilidade social. Mobilidade social esta que se comezou a estancar a partires do ano 1975, empeorando progresivamente ata chegar aos últimos Gobernos do PP no que o retroceso en termos de mobilidade social foi enorme, destruíndo as súas políticas a maioría dos factores que ata entón posibilitaban que a formación e a educación pública actuasen como un efectivo ascensor social, entendido este como unha forma axeitada e privilexiada para afondar na igualdade de dereitos e oportunidades, na equidade e na xustiza social.

Así as cousas o ascensor social está seriamente comprometido como consecuencia de que a dereita política, social e económica do Estado español está empeñada e ocupada dende sempre en que as clases traballadoras teñan seriamente limitadas as súas posibilidades de progreso, engaiolándoas cada vez máis nun círculo vicioso de precariedade laboral e de pobreza no canto de favorecer os  privilexios das súas clases ricas e acomodadas, así como dos estamentos profesionais do Estado que actúan como pancas de poder ao seu servizo, en tanto en canto seguen a agrandar cada vez máis a xa enorme brecha social, acumulando cada vez menos persoas máis poder e riqueza, mentres se empobrece tamén cada vez máis a gran maioría social traballadora.

Neste marco de iniquidade social propiciado polas políticas fascioliberais aplicadas pola dereita española, atopámonos cun tecido produtivo desindustrializado que maioritariamente ofrece postos de traballo mal pagados e en moitos casos de baixa cualificación. Fronte a esta realidade propiciada pola dereita política española faise prioritario e absolutamente necesario reverter este escenario, aproveitando os actuais fondos europeos de recuperación económica para transformar e reconducir o actual tecido produtivo, apostando por procesos intensivos de reindustrialización, xeración e desenvolvemento de tecidos tecnolóxicos, potenciación das enerxías renovables e o desenvolvemento dun sector avanzado e sostible de economía verde, nun marco de recuperación e mellora das condicións de traballo das persoas traballadoras, derrogando por completo as fatídicas reformas laborais aínda en gran medida vixentes á vez que se reactivan os factores claves que posibilitan o impulso do tan necesario ascensor social.

 

 

Documentos

ARTIGO 4 Boletin CIG Saude Laboral N 42 Version galego.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS