Co financiamento de:
/ Recursos Técnicos

Novas fichas da colección "Axentes canceríxenos no traballo: Coñecer para previr"

18-09-2026 - INSST

O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo publicou tres novas fichas técnicas dentro da súa colección "Axentes canceríxenos no traballo: Coñecer para previr". Estas guías analizan os graves riscos para a saúde que corren as persoas traballadoras expostas ao cloruro de vinilo monómero, a epiclorhidrina e ás fibras cerámicas refractarias, detallando as súas aplicacións industriais e os danos que poden ocasionar.

Cloruro de vinilo monómero:

O cloruro de vinilo monómero (CVM) é unha substancia orgánica que se presenta como un gas incoloro a temperatura ambiente e se utiliza, case na súa totalidade, na síntese do cloruro de polivinilo (PVC) para a fabricación de produtos plásticos.

Con numerosos efectos nocivos sobre a saúde, dende alteracións do sistema respiratorio e o sistema nervioso ata alteracións hepáticas, incluíndo cancro, é importante coñecer e aplicar as medidas preventivas máis adecuadas para eliminar, reducir e controlar o risco de exposición, e así evitar danos na saúde das persoas traballadoras.

Ligazón á Ficha nº 14. Cloruro de vinilo monómero. INSST 2026

Epiclorhidrina:

A epiclorhidrina é unha substancia organoclorada do grupo epóxido. Preséntase como un líquido incoloro de cheiro picante e que lembra ao allo. É lixeiramente soluble en auga, miscible en disolventes orgánicos polares e altamente reactiva. É inflamable e pode formar mesturas explosivas, liberando fumes ou gases tóxicos e irritantes.

Entre os seus distintos usos en numerosos sectores industriais, como a industria téxtil, cosmética ou papeleira, destaca o seu uso como materia prima na síntese de resinas epoxi e fenoxi.

A exposición a esta substancia pode darse por vía dérmica ou inhalatoria e pode producir cancro, dano orgánico, alteracións hemáticas, queimaduras e irritacións, entre outras.

Ligazón á Ficha nº 15. Epiclorhidrina. INSST 2026

Fibras cerámicas refractarias:

As fibras cerámicas refractarias (FCR), dadas as súas propiedades illantes a elevadas temperaturas, son amplamente utilizadas en numerosos sectores industriais, onde forman parte do material illante de fornos, caldeiras, equipos de calefacción, pezas de automóbiles, escudos térmicos en industrias aeronáutica e automobilística, elementos de protección contra o lume, etc.

A exposición a estas fibras relaciónase con numerosos efectos nocivos para a saúde: dende irritación respiratoria, dérmica ou ocular ata cancro de pulmón ou mesotelioma pleural. Por todo isto, resulta de especial importancia coñecer e aplicar as medidas preventivas máis adecuadas para evitar danos irreversibles na saúde das persoas traballadoras.

Ligazón á Ficha nº 13. Fibras cerámicas refractarias. INSST 2026

Ligazón a Toda a colección "AXENTES CANCERÍXENOS NO TRABALLO: COÑECER PARA PREVIR"

 

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS