Co financiamento de:
/ Recursos Técnicos

Asistencia residencial e Seguridade e Saúde no Traballo

02-11-2026 - EU-OSHA

No sector da asistencia sanitaria e social, as persoas que coidan de persoas maiores e dependentes están especialmente expostas a riscos para a seguridade e a saúde no traballo, que poden ter efectos negativos considerables na súa saúde física e mental. Un traballo moi esixente e emocional, os horarios irregulares, os baixos salarios e o financiamento insuficiente fan que o sector dos coidados de longa duración resulte especialmente difícil para as persoas que traballan nel. EU-OSHA pon adisposición un informe -no que se analizan os riscos máis frecuentes para a seguridade e a saúde no traballo neste sector, e se ofrecen recomendacións estratéxicas- e seis estudos de caso.

INFORME

Persoal de atención residencial: unha visión xeral da seguridade e a saúde no traballo

Este informe céntrase nos riscos para a seguridade e a saúde no traballo que afectan o persoal dos centros de atención residencial da UE. Analiza os principais problemas dos trastornos musculoesqueléticos, os riscos psicosociais, os accidentes laborais e os perigos biolóxicos, químicos e físicos. Detectáronse unha serie de retos estruturais subxacentes, entre os que se inclúen a falta de persoal, os baixos salarios, unha organización do traballo esixente e unhas perspectivas profesionais limitadas. O informe conclúe que a prevención depende dunha mellor organización do traballo, dunha dirección que brinde apoio e dunha avaliación eficaz dos riscos.

Ligazón ao informe Persoal de atención residencial: unha visión xeral da seguridade e a saúde no traballo. EU-OSHA 2026

ESTUDOS DE CASO

Ferramenta EasyMAPO para mover con maior seguridade ás persoas en residencias de maiores

EasyMAPO é unha ferramenta simplificada para avaliar os riscos de mover manualmente ás persoas en residencias de maiores. Permite identificar de forma obxectiva os factores de risco críticos, entre os que se inclúen a dotación de persoal, a formación, os equipos de apoio e a organización do traballo, e serve de base para elaborar unhas políticas máis seguras no que se refire aos desprazamentos de pacientes, medidas de prevención participativas e intervencións ergonómicas específicas. Ofrece un enfoque accesible e adaptable para mellorar a seguridade e a saúde no traballo nos centros de atención residencial.

Ligazón ao estudo de caso Ferramenta EasyMAPO para mover con maior seguridade ás persoas en residencias de maiores. EU-OSHA 2026

Prevención de riscos en residencias con asistencia médica mediante un deseño e unha renovación máis seguros

Este estudo de caso ofrece exemplos prácticos de como o deseño orientado á prevención pode reducir os riscos para a saúde no ámbito da asistencia residencial. A partir de proxectos reais de residencias con asistencia médica extraídos do sitio web L’Effet Prévention, móstrase como unha mellor distribución do espazo favorece unha maior seguridade nos desprazamentos durante as tarefas de coidados cotiás. Por exemplo, os elevadores de teito axudan a reducir o esforzo físico cando o persoal traslada ás persoas que residen nos centros. Unha conclusión crave é que a participación do persoal fai que as decisións sobre a rehabilitación sexan máis prácticas e sostibles, aínda que as limitacións económicas poden restrinxir os resultados do deseño.

Ligazón ao estudo de caso Prevención de riscos en residencias con asistencia médica mediante un deseño e unha renovación máis seguros. EU-OSHA 2026

«Os teus dereitos, o mellor medicamento»: campaña sindical para reducir o consumo de psicofármacos na atención residencial.

Este estudo de caso describe a investigación realizada en España sobre o consumo de psicofármacos por parte do persoal de centros residenciais, o que se considera un síntoma das malas condicións laborais. O estudo céntrase nos riscos psicosociais do traballo no ámbito da asistencia residencial. A acción sindical proposta que vincula a prevención cos dereitos no lugar de traballo inclúe determinar medidas estruturais para reducir a dependencia da medicación. O obxectivo é promover a mellora das condicións laborais para reducir tanto a carga de traballo física e mental como o consumo de medicamentos.

Ligazón ao estudo de caso «Os teus dereitos, o mellor medicamento»: campaña sindical para reducir o consumo de psicofármacos na atención residencial. EU-OSHA 2026

Programa de emerxencia de Alemaña para coidadores e coidadoras: reforzo da seguridade no traballo e da retención da privado

O programa de emerxencia de Alemaña recoñeceu que a escaseza de persoal de enfermería aumenta a presión sobre a saúde do persoal. Financiou medidas de prevención destinadas a mellorar a seguridade no traballo asistencial, con distintos graos de aceptación, así como medidas para favorecer o equilibrio entre a vida profesional e a vida privada, co obxectivo de reducir a tensión asociada ao traballo por quendas. O caso tamén pon de relevo a importancia de contar con obxectivos claramente definidos cando se aplican políticas de retención do persoal para fomentar a seguridade e a saúde no traballo.

Ligazón ao estudo de caso Programa de emerxencia de Alemaña para coidadores e coidadoras: reforzo da seguridade no traballo e da retención da privado. EU-OSHA 2026

Índices de dotación de persoal nos centros finlandeses de atención residencial: consecuencias para un traballo seguro e saudable

Este estudo de caso analiza como afectou ás persoas traballadoras e ás empresas o índice de dotación de persoal estabelecido por lei nas unidades de atención residencial con servizo as 24 horas en Finlandia, centrándose nas consecuencias para a seguridade e a saúde no traballo e na organización do traballo. Aínda que poden obterse beneficios no relativo á carga de traballo, a seguridade e a calidade cando a dotación de persoal axústase ás necesidades asistenciais, tamén existen dificultades de aplicación relacionadas coa escaseza de persoal e a rixidez dos horarios. O estudo suxire que é probable que a existencia dun índice de dotación de persoal teña un impacto limitado se non vai acompañada dunha planificación máis detallada do persoal e dun maior apoio aos encargados e encargadas.

Ligazón ao estudo de caso Índices de dotación de persoal nos centros finlandeses de atención residencial: consecuencias para un traballo seguro e saudable. EU-OSHA 2026

Avaliación das condicións laborais nos centros de atención residencial: un enfoque participativo dende Polonia

As persoas que traballan en centros residenciais enfróntanse a grandes esixencias físicas, riscos psicosociais e presións relacionadas coa dotación de persoal. Este caso describe un enfoque de avaliación continua que facilita a detección temperá dos riscos no lugar de traballo, en combinación cun diálogo entre o persoal e a dirección para traducir as opinións das persoas traballadoras en melloras prácticas no lugar de traballo. Nel preséntase un modelo para reforzar a seguridade e a saúde no traballo no ámbito dos coidados de longa duración que pode adaptarse a outras contornas.

Ligazón ao estudo de caso Avaliación das condicións laborais nos centros de atención residencial: un enfoque participativo dende Polonia. EU-OSHA 2026

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS