Co financiamento de:
/ Portada / IDi

Combustible a partir de algas

11-09-2013 - I+D+i

O proxecto financiado con fondos europeos DEMA (Direct Ethanol from MicroAlgae) fixou a súa atención nas cianobacterias, unha microalga presente en case todos os hábitats terrestres e acuáticos como océanos, lagos, chans húmidos e rochas. Estes organismos obteñen a súa enerxía por fotosíntese.

De cor turquesa, textura viscosa e presentes en masas de auga salgada e doce de todo o mundo, as microalgas non adoitan espertar grande interese alí onde aparecen, pero pode que esta falta de expectación cambie nun futuro.

Un equipo de científicos europeos propúxose demostrar que as microalgas poden empregarse para producir bioetanol cun custo inferior aos corenta céntimos de euro por litro.

O equipo de investigación ao cargo trata de mellorar a produción de biocombustible en dous niveis. En primeiro lugar crearán a capacidade para producir etanol mediante enxeñaría metabólica, é dicir, alterando as reaccións químicas que se producen nestas células para que produzan bioetanol con eficacia. Tras a secreción do bioetanol ao medio, este filtrarase a través dunha membrana.

O equipo de DEMA encargarase de desenvolver e demostrar a tecnoloxía e confía en que o proceso, tras perfeccionarse, será superior a calquera outro dos rexistrados na bibliografía científica.

Os biocombustibles posúen o potencial de reducir de xeito importante as emisións de carbono orixinadas polo transporte e reducir a súa influencia sobre o cambio climático. O emprego de microalgas para producir biocombustibles presenta unha gran cantidade de vantaxes fronte a outros tipos de biomasa, pois estes vexetais xéranse de forma natural e crecen con rapidez.

Ademais o seu cultivo en chan é inviable, polo que se elimina o risco de competencia con cultivos alimentarios.

O proxecto reúne nove socios académicos e industriais de seis Estados membros. A súa coordinación corre a cargo da Universidade de Limerick (Irlanda) e recibiu preto de 5 millóns de euros de financiamento a través do tema «Enerxía» do Sétimo Programa Marco (7PM). O proxecto púxose en marcha en decembro de 2012 e finalizará en maio de 2017.

 

Fonte: Ambientum/CORDIS

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS