Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Catro xeracións traballarán xuntas dentro de vinte anos

16-04-2014 - PSICOSOCIAL

O lugar de traballo será multixeracional, con persoas de máis de 70 anos traballando. Reino Unido acaba de publicar un estudo moi completo sobre o Futuro do Traballo, un exercicio de prospectiva con catro escenarios diferentes, marcando as tendencias actuais e as posibles e previsibles perturbacións sobre esas tendencias. O informe resulta como pouco inquietante, xa que o ser humano se enfronta a uns condicionamentos laborais ata agora inéditos.

Este informe foi realizado pola UK Commission for Employment and Skills, un organismo custeado con fondos públicos pero que aglutina a empresarios, sindicatos e institucións do Estado que inflúen no devir do Emprego. A predición do futuro é imposible, e falla moitas veces. Nos albores da tecnoloxía da información pensábase que iamos vivir a cultura do ocio, cunha redución intensiva do tempo de traballo, pero desgraciadamente non foi así. O que hai agora é moito paro e unha diferenciación cada día máis tenue entre a vida laboral e a persoal, orixinada en boa medida pola conexión comunicativa perenne que achegan os enxeños telefónicos móbiles.

A pesar das limitacións, este estudo é moi valioso porque nos axuda a pensar e a previr situacións laborais alienantes que poden producirse en moi poucos anos. Un dos cambios históricos na orde laboral que o informe apunta é o da conxunción de catro xeracións traballando xuntas. Haberá moitas persoas con máis de setenta anos traballando, por iniciativa propia ou por necesidade, e o desenvolvemento da tecnoloxía permite traballar estas persoas sen estar fisicamente como un rapaz de 20.

O lugar do traballo, xa sexa físico ou virtual, será multixeracional, e a xerarquía e antigüidade terán menos importancia. Optimizar os valores que xere esta nova realidade laboral e minimizar os problemas que leva consigo será clave á hora de recrutar talento.

A tecnoloxía xoga un papel determinante no ámbito laboral penetrando por todos os seus intersticios, competindo cada día mellor con toda clase de traballos non só cos rutineiros. O algoritmo comeza a ser un competidor temible para o traballador. A converxencia de tecnoloxías leva ademais á converxencia de disciplinas. O traballo virtual multimedia acompañará o traballo presencial. Nestas condicións tecnolóxicas as empresas comezarán a reducir os seus equipos básicos, requirindo redes de traballadores centrados en proxectos.

A perturbación máis inquietante, sobre todo por ser xa case tendencia, é a de que os contratos sen hora (zero-hour) se convertan na norma e non na excepción. As empresas poden contratar como queran ao haber unha escaseza de traballo e ter conseguido impoñer a máxima flexibilidade na contratación laboral.

O subemprego afecta xa a xente de formación universitaria. En Reino Unido xa hai un millón de persoas, o 3,1% que traballa na modalidade de contrato de cero horas. Este 'acordo' non obriga o empregador a dar horas de traballo, e o empregado ten que estar disposto a facelo en calquera momento. Se pode ser aceptable para un pensionista que quere ingresos adicionais é brutal para a maioría da xente. En Reino Unido, o 38% dos que traballan queren facelo por máis tempo.

O informe sinala que en caso de manter a lexislación e o ritmo de crecemento económico actual, no ano 2020 podería haber 25 millóns de persoas con este tipo de contratos en Reino Unido. É moi posible que o mercado laboral se radicalice, con traballadores con habilidades medias e baixas competindo por máis horas, ben sexa na modalidade cero ou como autónomos, e as empresas requirindo completa flexibilidade e paga moi reducida.

Os contratos fixos a tempo completo serían soamente para unha minoría e os mandos altos. Hai xa empresas, como Sport Direct, que soamente teñen ao 10% do equipo con contratos regulares.

 

Fonte: A celosía

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS