Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

As consecuencias psicosociais dun ERE

12-11-2012 - PSICOSOCIAL

As reestruturacións de equipo afectan á saúde física e mental non só dos traballadores que son despedidos senón tamén dos que permanecen na empresa, o que os expertos teñen denominado"síndrome do supervivente". Segundo un estudo sobre a incidencia das reestruturacións de empresas na saúde dos traballadores elaborado por Labour Asociados para o Ministerio de Emprego, o estrés, a depresión e a ansiedade convertéronse nas principais causas de enfermidade dos centros de traballo europeos.

No caso do estado español, cunha taxa de paro moi elevada, o informe subliña que a saúde pasa a un segundo plano nas negociacións das reestruturacións, porque a prioridade se centra nas indemnizacións e nas condicións para o paro ou a xubilación.

Esta falta de atención esténdese a outros ámbitos institucionais públicos e privados, mantén o informe, xa que nin a administración, nin as mutuas de prevención, nin outros centros de investigación deron mostras de interese sobre un tema que "emerxe como relevante na Unión Europea".

Os procesos de reestruturación supoñen unha fonte de cambio da organización do traballo que se manifesta en despedimentos ou en cambios nas condicións de emprego e traballo para os que permanecen na empresa, os denominados "superviventes", que tamén poden ter riscos na saúde, especialmente psicosociais.

Non obstante, no estado español non existen instrumentos de mediación e análise estatística sobre o impacto das reestruturacións nas condicións de traballo e a saúde dos traballadores.

"A investigación cuantitativa española é especialmente escasa neste aspecto", recalca o informe e engade que apenas se aprecian accións nin recursos significativos dirixidos a este fin.

O estudo analizou grandes empresas distribuídas en varios centros de traballo de todo o territorio nacional e de distintos sectores e destaca que no ámbito das pemes, onde se produciu unha "reestruturación silenciosa", os procesos son de difícil seguimento.

Inclúe datos da Organización Internacional do Traballo (OIT), segundo os cales, a crise fixo que os traballadores afronten medo e estrés ante a posibilidade de perder os seus empregos que poden producir máis accidentes, lesións e mesmo mortes no traballo.

Convén recordar que o presuposto do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo se reduciuse un 16% e que o destinado á Fundación de Prevención de riscos laborais pasou de 44 millóns a 25 millóns.

 

Fonte: www. e-saludable.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS