Co financiamento de:
/ Medio ambiente

Vertedoiros ilegais en oito comunidades autónomas

20-02-2013 - MEDIO AMBIENTE

Varias ONG ecoloxistas denuncian que, a pesar da falta de transparencia do Ministerio de Medio Ambiente, que non ofreceu ningunha aclaración con respecto á denuncia europea pola situación de varios vertedoiros, a Comisión Europea confirma os territorios onde se sitúan varios vertedoiros ilegais.

Dende Bruxelas enviouse un ditame motivado ao Ministerio de Medio por incumprimento da normativa europea nunha serie de vertedoiros.

Agora confírmase que estes se encontran en Andalucía, Aragón, País Vasco, Canarias, Cantabria, Cataluña, Galicia e Murcia. Así o puideron saber Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra e Retorna a través da axencia Efe.

"O proceso está nun estado inicial e estamos aínda a esperar a resposta das autoridades españolas. Ata entón non poderemos dicir con exactitude de cantos vertedoiros estamos a falar", detallaron fontes do executivo comunitario.

Segundo informacións da axencia Europa Press, o Ministerio manexa datos de 11 vertedoiros legalizados que incumpren a normativa europea, pero a Comisión Europea non confirmou o número. Ata agora o Ministerio négase a achegar información sobre o proceso e a localización dos vertedoiros escusándose en que estes datos atinxen ás Comunidades Autónomas.

A Comisión foi moito máis transparente e informou sobre os territorios afectados, pero non quixo dar nomes concretos para non perder o futuro proceso xudicial contra España no Tribunal de Xustiza de Luxemburgo por unha cuestión de forma.

O estado español deberá contestar ao requirimento comunitario -o segundo paso de tres do procedemento de infracción- antes de metade de marzo e se as explicacións do Ministerio non satisfán a Bruxelas, a CE poderá levar o caso ante a Corte de Luxemburgo para a correspondente sanción. "Varios vertedoiros continuaron operando no estado español despois de que se aplicase a Directiva en 2009 e hoxe en día seguen incumprindo esta normativa e non foron pechados", afirmou publicamente o executivo comunitario.

O estado español asinou a Directiva Europea 2003/4/CE sobre acceso a información ambiental (Convenio de Aarhus) e por lei a Administración está obrigada a contestar antes dun mes calquera pregunta que solicite datos relacionados co Medio, pero o Ministerio de Miguel Arias Cañete está a ser reticente a dar calquera dato sobre este proceso.

Ante esta alarmante falta de transparencia, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra e Retorna, a través da plataforma tuderechoasaber.es, preguntaron ao Ministerio: "Cantos son, onde se encontran e que empresas xestionan eses vertedoiros que incumpren a normativa europea dende 2009?". De momento, non hai resposta.

 

Fonte: Redacción ambientum.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS