Co financiamento de:
/ Medio ambiente

Plan de Infraestruturas de Transporte e Vivenda 2012-2024

08-04-2014 - MEDIO AMBIENTE

O ministerio de Fomento volve presentar un plan no que se inclúen decenas de proxectos moi lesivos para o medio ambiente e malgastadores de fondos públicos. Por iso, as principais organizacións ambientais formularán directamente ao MAGRAMA a súa oposición a este plan e demandaranlle accións concretas para reducir a súa negativa incidencia sobre o entorno.

O pasado 12 de marzo rematou o período de información pública para a avaliación ambiental do Plan de Infraestruturas de Transporte e Vivenda 2012-2024, PITVI, que promove o ministerio de Fomento.

Aproveitando unha das súas reunións periódicas, as principais organizacións ambientais queren facer chegar directamente ao ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a súa profunda preocupación sobre o contido deste plan.

O momento elixido é pertinente, agora é cando deben acordar ambos os dous ministerios, Fomento e Medio Ambiente, unha memoria ambiental na que se definirán as determinacións e restricións que debería cumprir o PITVI. Pero ademais, estase en plena polémica pola enorme contía, polo menos 3.600 millóns de euros, que supón o rescate de nove autoestradas privadas que prevé acometer o Goberno.

Para Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF estamos ante un plan do pasado, sobre todo no referido a grandes infraestruturas de transporte. Un plan que pretende investir 140.000 millóns de euros para construír 12.000 quilómetros de infraestruturas lineais de alta capacidade (4.686,2 quilómetros de novas autovías e 7.289,3 quilómetros de liñas de alta velocidade ferroviaria), cos tremendos impactos ambientais que supón, e esquecendo que xa somos récord europeo en quilómetros destas infraestruturas e iso non nos fixo máis resistentes á crise ou xerou emprego.

A xuízo das organizacións ambientais, a avaliación ambiental que se realizou do PITVI é moi deficiente. Así, non se tomou en consideración unha verdadeira alternativa cero, como esixe a, Lei 9/2006, artigo 8, senón que se optou por comparar o escenario PITVI con respecto ao que acontecería se seguimos construíndo obras segundo o plan anterior, o Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte, PEIT, aprobado en 2005 polo anterior Goberno socialista.

Usando esas comparacións chégase a resultados esperpénticos. Por tomar un exemplo de entre os moitos posibles, formúlase a afección a "zonas de interese paisaxístico" (Informe de Sostibilidade Ambiental, ISA, páx. 595) e conclúese para a estrada que "O efecto producido polas previsións do PITVI é de menor magnitude que o existente na situación actual ou o producido polo PEIT", e que polo tanto resulta positivo. É dicir, 4.700 quilómetros de novas autovías serán beneficiosos para a nosa paisaxe sinxelamente porque se compara cun escenario aínda peor, e non coa alternativa de non os construír.

Do mesmo modo se afirma que "Os incrementos de ocupación debidos ás infraestruturas viarias e ferroviarias previstas sobre a Rede Natura (3.498 hectáreas) e sobre o conxunto de espazos de interese analizados [...] son de escasa significación" (ISA, páx. 493). Isto é, nada menos que 1.311 quilómetros de autovía e 1.847 quilómetros de alta velocidade ferroviaria afectarán a distintas categorías de espazos naturais protexidos, pero iso non parece relevante.

Outra cuestión a resaltar é o feito de que aínda que teoricamente o PITVI ten por obxectivo delimitar as orientacións estratéxicas das políticas de transporte e vivenda, de forma contraditoria con esta orientación inclúe un listado de proxectos de autovías, liñas AVE, ampliacións de portos ou aeroportos xa definidos e concretos. E máis chocante aínda é que estes proxectos inclúen moitos que xa se avaliaron no seu día e que foron rexeitados polo seu forte impacto ambiental.

Por todos estes motivos, as organizacións de defensa ambiental recordarán aos responsables políticos de medio que este plan tan desarrollista e alleo aos intereses da sociedade e tan agresivo para o medio ambiente, ademais supoñerá a dilapidación de diñeiro público.

E isto acontece cando maior é a sensibilidade ante os continuos recortes en prestacións sociais ou en melloras ambientais, e xusto tamén cando xorde a polémica sobre o rescate ás autoestradas privadas en concurso de acredores por falta de tráfico. Por iso, demandarán ao ministerio que se opoña aos plans de Fomento facendo valer o seu mandato de defensa do medio, formulando condicións que limiten drasticamente os danos que provocaría o PITVI.

 

Fonte: SEO/BirdLife

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS