Financiado por:
/ Igualdade

Entrada en vigor do primeiro tratado internacional para enfrontar a violencia e o acoso no traballo

23-06-2021 - SAÚDE LABORAL

O 25 de xuño de 2021, dous anos despois da súa adopción pola Conferencia Internacional do Traballo (CIT), entra en vigor o primeiro tratado internacional sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo.

Ata o momento, seis países ratificaron o Convenio sobre a violencia e o acoso, 2019 (núm. 190): Arxentina, Ecuador,  Fiji, Namibia, Somalia e Uruguai. Os países  ratificantes están xuridicamente obrigados a cumprir as disposicións do Convenio un ano despois da ratificación.

Xunto coa Recomendación núm. 206 , o Convenio núm. 190 recoñece o dereito de toda persoa a un mundo do traballo libre de violencia e acoso, e prevé un marco común para a acción.Proporciona a primeira definición de violencia e acoso no mundo do traballo, con inclusión da violencia e o acoso por razón de xénero.

A violencia e o acoso no traballo adoptan diversas formas e causan un dano físico, psicolóxico, sexual ou económico. Tras a adopción do Convenio, a pandemia de COVID-19  puxo esta cuestión aínda máis de relevo, pois dende o inicio do brote en todos os países denunciáronse moitas formas de violencia e acoso relacionadas co traballo, en particular contra as mulleres e os grupos vulnerables.

Para conmemorar a entrada en vigor deste instrumento, a OIT poñerá en marcha unha campaña mundial para promover a súa ratificación e aplicación. O obxectivo da campaña é explicar en termos sinxelos que é o Convenio, as cuestións que abarcan e como procura poñer coto á violencia e o acoso no mundo do traballo.

“Un futuro do traballo mellor está exento de violencia e acoso. [...] Insto aos países a ratificar o Convenio e axudar a construír, xunto cos empregadores, os traballadores e as súas organizacións, unha vida laboral digna, segura e saudable para todas as persoas." Comentou Guy  Ryder, Director Xeral da OIT, na súa mensaxe de inicio da campaña mundial.

A campaña mundial arrincará oficialmente durante a Semana de Acción Mundial da OIT sobre o Convenio núm. 190 , isto é, entre o 21 e o 25 de xuño de 2021.

A Semana de Acción realiza un chamamento aos países para que renoven o compromiso de ratificar e aplicar o Convenio.

A Semana de Acción comeza o 21 de xuño cun diálogo virtual de alto nivel . Entre os oradores estará o Director Xeral da OIT, Ministros de Traballo da Arxentina e Madagascar, e representantes da Organización Mundial de Empregadores (OIE), a Confederación Sindical Internacional (CSI), a Comisión Europea e a Unión  Interparlamentaria (UIP).

Despois da Semana de Acción, a OIT publicará unha guía destinada a axudar aos  mandantes e outras partes interesadas a promover e aplicar o Convenio e a Recomendación. A guía abarca principios fundamentais e medidas que os países poden adoptar a fin de previr, abordar e eliminar a violencia e o acoso no mundo do traballo, entre outras cousas, exemplos de leis, regulamentos e políticas nacionais.

Ligazón ao Convenio sobre a violencia e o acoso, 2019 (núm. 190)

Ligazón á Recomendación sobre a violencia e o acoso, 2019 (núm. 206)

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS