Co financiamento de:
/ Portada / Riscos específicos

O amianto causa un de cada dous casos de cancro de orixe laboral no estado español.

14-06-2013 - AMIANTO

O experto que dirixe o proxecto sobre os riscos do amianto no estado español por encarga ministerial, o catedrático de Historia da Ciencia Alfredo Menéndez Navarro, da Universidade de Granada, ofrece as cifras actualizadas de falecidos polo amianto no estado: 4.987 persoas afectadas por mesotelioma, un cancro que no 85% dos casos ten a súa orixe nunha exposición laboral ao amianto e no 20% restante por respiralo no ambiente.

Os datos corresponden aos anos 1977 a 2010 e proceden do informe sobre o estado da seguridade e saúde laboral no Estado no 2011 (Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo).

O equipo do epidemiólogo Gonzalo López-Abente calcula que no próximo quinquenio (2016-2020) o número de falecidos por mesotelioma en España se situará en torno ao millar. Se falamos de enfermos, as cifras de atendidos por neoplasias malignas de pleura e asbestosis no Sistema Nacional de Saúde ascende a 8.870 e 519 ingresos respectivamente, segundo o rexistro de altas de hospitalización de 1997 a 2011.

"Falamos, en calquera caso, dunha das principais causas de morte de orixe laboral. Un de cada dous cancros atribuíbles ao traballo en Europa e no Estado está provocado polo amianto. As cifras de mortalidade por mesotelioma dan unha imaxe da magnitude do problema. Outra cuestión é que resulten invisibles para a opinión pública", lamenta Menéndez.

As estatísticas de traballadores expostos que respiraron o amianto e desenvolverán a enfermidade é moito máis alta. A forquita oscila entre os 60.000 que estimou en 1991 o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene e os máis de 200.000 que sinalan algunhas fontes sindicais. A eles habería que sumar os veciños e familiares que o respiraron no ambiente, xa que a roupa de traballo se lavaba na casa.

Considera "evidente que as empresas do amianto españolas coñecían dende comezos da década dos setenta do século pasado os riscos canceríxenos do amianto" e engade que "no caso español, o cumprimento dunha normativa laxa e escasamente efectiva, mesmo para os estándares da época, non pode ser unha eximente para a responsabilidade legal das empresas do amianto".

Opina que as medidas de prevención da lexislación española da época resultaron doadamente asumibles polas empresas polo seu baixo nivel de esixencia e pola escasa vixilancia sobre o seu cumprimento, "malia que noutros ámbitos sociais e xurídicos comercializar un produto a sabendas do seu potencial efecto daniño é delito".

Este investigador reclama a necesidade "absoluta" de facer visible o problema de saúde pública do amianto e quéixase de que "neste país as enfermidades profesionais son invisibles como o era hai anos a violencia de xénero". Cre que tería que ter a importancia que se dá ás vítimas do terrorismo, a violencia de xénero e os accidentes de tráfico.

Respecto ás estatísticas de enfermos, hai menos casos recoñecidos dos que realmente existen. "Hai consenso dos estudosos da saúde laboral sobre o elevado grao de subdeclaración e infrarregistro das enfermidades laborais no noso país, e do amianto en particular. Un bo expoñente da magnitude deste problema é a comparación entre las4.987 persoas falecidas no noso país por mesotelioma e os 101 casos de cancros do amianto recoñecidos" pola Seguridade Social" "nese mesmo período", aclara.

As diferenzas entre os casos recoñecidos no estado español e o resto de Europa seguen sendo considerables porque aquí se recoñecen menos casos. Segundo o último informe europeo con datos de 2000 (Informe Eurogip), somos o país europeo que menos asbestosis e cancros do amianto rexistra como enfermidade profesional, pero non polo menor consumo de amianto no noso país, lixeiramente inferior ao dos países mencionados, ou polas diferenzas no tecido industrial. O principal factor explicativo son as deficiencias do noso sistema compensador".

En suma, que o estado español recoñece menos casos: 35 veces menos casos de asbestosis que Alemaña, 21 menos que Bélxica, e 15 menos que Francia e Italia. Respecto ao cancro, Noruega recoñece 183 veces máis cancro causado polo amianto que o estado español, Dinamarca 133 veces máis, Francia 124 máis e Italia 41 máis.

Por iso hai máis casos de afectados dende 2007 no estado español mentres en Europa descende. "En España, o ascenso observado a partir de 2007 indica que estamos a comezar a recoñecer cifras máis próximas á realidade", explica.

Opina que agora se recoñece máis este problema por "a crecente litigación por danos do amianto no noso país, as campañas sindicais de denuncia e información, os recoñecementos médicos nos estaleiros estatais, a creación de consultas específicas de asbestosis en cidades como Ferrol e o Programa Integral de Vixilancia da Saúde dos Traballadores Expostos ao Amianto, un de cuxos obxectivos é favorecer o recoñecemento médico-legal das enfermidades da exposición profesional ao amianto".

Considera que se podía ter evitado a elevada incidencia de enfermidades causadas polo amianto dende que en 1976 a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro estableceu que todos os tipos de fibras de amianto podían provocar mesotelioma e carcinoma de pulmón e negou a posibilidade de definir niveis seguros de exposición a esta substancia. Cre que con "medidas máis radicais de prohibición, sen dúbida teriamos reducido o legado de enfermidade e morte que seguirán provocando as exposicións acontecidas nos 80 e 90". E recorda que o consumo de amianto segue crecendo en economías como China ou India, ás que chegará tamén o impacto deste grave problema de saúde pública. Na súa opinión, son responsables do sucedido "as prácticas empresariais de negación e ocultación dos riscos do amianto á poboación laboral exposta e á cidadanía; a administración laboral e o propio sistema experto de xestión dos riscos laborais contribuíu a minimizar o problema do amianto, consagrando a confianza no control técnico dos devanditos riscos, o que ao cabo xerou unha subestimación destes".

 

Prevention-world.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS