Co financiamento de:
/ Portada / PRL Sectorial

O cancro de larinxe por inhalación de amianto é, por fin, recoñecido como enfermidade profesional

30-09-2015 - Amianto

A Seguridade Social, logo de moitas revindicacións dos axentes sociais e constantes reclamacións da CIG nestes últimos anos, acorda a súa inclusión como enfermidade profesional, que se plasmará nun futuro Real Decreto. Recoñécese así o perigo potencial ao que están expostos os traballadores/as da construción naval ou da industria mineira en contacto con este material.

A súa inclusión no cadro de enfermidades vinculadas co ámbito laboral é froito do labor de investigación sobre a incidencia deste material na saúde dos traballadores/as que, nos últimos meses, compartiron o persoal técnico da Seguridade Social, sindicatos e a patronal.

Esta actualización supón o recoñecemento da esixente contorna na que desenvolven o seu labor as persoas en contacto co amianto. Este material é habitual nas minas de rochas amiantíferas, a industria naval, nos traballos de illamentos e en certas actividades da construción.

O cadro de enfermidades profesionais da Seguridade Social data de 2006. Desde entón, producíronse avances nas investigacións e no ámbito científico que permiten un mellor coñecemento dos mecanismos de aparición de certas enfermidades profesionais. Entre elas, atópanse sólidas evidencias que relacionan o cancro de larinxe coa inhalación de po de amianto.

Por outra banda, o cancro de larinxe por amianto ocasionará un escaso incremento de custo ao sistema da Seguridade Social, pois as prestacións do Sistema aos traballadores que sofren cancro de larinxe xa se recoñecen na actualidade, ben como continxencia común -se non se puido comprobar a súa orixe laboral-, ben como accidente de traballo se se trata dunha enfermidade causada polo traballo.

Ademais, esta patoloxía en moitos casos vai unida a outras xa incluídas na lista de enfermidades profesionais.

Polo tanto, non existe ningunha modificación orzamentaria dado que unha porcentaxe moi elevada das prestacións concedidas a causa do cancro de larinxe por amianto xa se recoñecen como accidente de traballo e en consecuencia, a súa recualificación como enfermidade profesional non tería sobrecusto.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS