Co financiamento de:
/ Portada / IDi

Nace iSafetywork, a primeira aplicación móbil para a investigación de accidentes e incidentes laborais

28-05-2012 - Accidente laboral

O X Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais, que tivo lugar durante os días 23 a 25 de maio no Palacio Euskalduna de Bilbao; foi o escenario elixido para a presentación da primeira aplicación móbil para a investigación de accidentes e incidentes laborais, Isafetywork “Accidents”, a través do relatorio “As Tics aplicadas á investigación de Accidentes Laborais” impartida polo técnico en Prevención de Riscos, Javier Pérez Pérez.

Isafetywork “Accidents”, é o nome da primeira aplicación para dispositivos móbiles (teléfonos e tablets) para o rexistro e creación de informes de investigación de accidentes e incidentes laborais. O seu creador é o técnico en Prevención de Riscos, Javier Pérez Pérez, quen xunto coa empresa Lorem Solutions desenvolveron esta innovadora solución tecnolóxica para os profesionais da Prevención de Riscos nas empresas.

A aplicación nace pola necesidade de axudar a mellorar a xestión da integración da prevención da empresa, dotándolle dunhas ferramentas capaces de axudar a realizar informes de investigación dunha maneira máis rápida e áxil. A aplicación servirá para reflectir aqueles incidentes que son previos aos accidentes laborais, realizando “in situ” informes daquelas situacións perigosas ou condicións inseguras que se dan no traballo, así como aqueles incidentes que xa se produciron e que ocasionasen algún dano material á empresa.

Así mesmo, o sistema permite o rexistro daqueles accidentes provocados nos desprazamentos ao traballo, así como os accidentes laborais e as enfermidades profesionais. A aplicación non só recollerá aquela información necesaria para a redacción do parte obrigatorio, senón que unha vez introducidos os datos xerará un informe para ser enviado vía e-mail de maneira inmediata ao responsable do traballador ou ao centro base da empresa.

Dentro das novidades máis destacadas de Isafetywork, que a converten nunha autentica innovación, atópase a posibilidade de inserir fotografías para o informe usando a mesma cámara do móbil e, en posteriores actualizacións, está previsto incorporar gravacións do vídeo do propio terminal para gravar certos procesos de traballo que cunha foto quedan incompletos, e audios para recoller a información achegada polas testemuñas dun accidente.

A aplicación inclúe distintos apartados como un contador co número de días nos que o usuario non deu de alta accidentes, estatísticas para controlar o índice de incidencia da empresa ou un historial de todos aqueles informes que fosen  realizados a través da aplicación. En posteriores actualizacións poderanse sacar outros índices e mesmo un informe especifico de sinistralidade laboral. Ademais, a través de de iSafetyWork pódese acceder a noticias relevantes de prevención.

Obrigatoriedade do empresario de investigar os accidentes laborais

En España a Lei 31/1995 sobre a Prevención de Riscos obriga ao empresario a investigar os accidentes laborais. Tamén o sistema de xestión OHSAS 18001 que é unha especificación internacionalmente aceptada que define os requisitos para o establecemento, implantación e operación dun Sistema de Xestión en Seguridade e Saúde Laboral efectivo, fala de investigar os incidentes laborais.

Esta aplicación móbil cobre estas obrigacións legais e normativas e está baseada no sistema EEAT, o sistema aprobado pola Unión Europea para a realización das estatísticas de accidentes de traballo entre os seus países membros. iSafetyWork está deseñado seguindo os códigos predeterminados do sistema EEAT, as súas variables para redactar os informes de investigación de accidentes laborais, que están recollidos tamén na Orde TAS 2926/2002 de 10 de novembro. Por último, a aplicación iSafetyWork cumpre cos requisitos marcados pola Organización Internacional dos Traballadores (OIT) en canto á recollida de datos para a investigación de accidentes a nivel internacional.

Fonte: prevencionar

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS