Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Para mellorar o éxito empresarial é esencial dar resposta ás necesidades duns equipos de ámbitos culturais diversos.

28-05-2013 - EU-OSHA

Abordar a diversidade cultural no lugar de traballo pode ter unha marcada repercusión na saúde e a seguridade neste ámbito, segundo as conclusións dun novo estudo realizado pola Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA).

O informe, titulado «Diverse cultures at work: ensuring safety and health through leadership and participation» (Diversidade cultural no lugar de traballo: garantir a seguridade e a saúde mediante o liderado e a participación), publicado este mes, explica que a falta de sensibilización con respecto ás diferenzas culturais pode ter consecuencias graves, aínda que afirma que é posible que as organizacións sexan máis integradoras e utilicen a diversidade para fins positivos, por exemplo, como un recurso de aprendizaxe, cambio e renovación.

Christa Sedlatschek, Directora da EU-OSHA, pon de relevo a importancia de practicar estas técnicas, e explícao do seguinte xeito: «Unha condición previa para a prosperidade das empresas é que os empregados teñan boa saúde e estean motivados, en especial, nuns tempos nos que a presión da competencia no mercado vai en aumento. Os traballadores de orixe inmigrante teñen que enfrontarse a dificultades lingüísticas e culturais, o que se traduce en taxas máis elevadas de accidentes e de baixas por enfermidade que os traballadores do país en cuestión».

Dado que a proporción da poboación activa integrada por traballadores de orixe inmigrante na UE continúa o seu ascenso, moitos lugares de traballo comunitarios aumentan cada vez máis o seu grao de diversidade cultural. As diferenzas culturais poden ser causa de problemas de comunicación ou malentendidos, o que á súa vez pode derivar en tensión e estrés, diminución da satisfacción no traballo e maior índice de rotación do persoal. En equipos de traballo multiculturais é posible que aumenten os riscos en relación coa saúde e a seguridade, en parte porque as percepcións de cada un sobre o que é ou non é seguro poden variar. O estudo indica tamén que os problemas de comunicación a causa das diferenzas culturais influíron en certa medida no 70%-80 % de todos os accidentes marítimos.

Un dos casos analizados é o do fabricante de automóbiles BMW en Múnic, que emprendeu unha nova iniciativa para integrar traballadores orixinarios de distintos países. A iniciativa comprendeu a formación dos directivos para que puidesen abordar mellor a cuestión da diversidade cultural, e a introdución de «embaixadores da saúde», é dicir, traballadores que recibiran formación para a promoción da saúde e que desempeñaban unha función importante de mediadores entre os seus compañeiros. Isto contribuíu a que os traballadores emigrantes, que non adoitan aproveitar as ofertas de promoción da saúde da empresa, superasen barreiras lingüísticas e sociais habituais.

O estudo recomenda crear un ambiente de seguridade construtivo, que compartan todos os integrantes dun equipo diverso. Así mesmo, aplica teorías interculturais á poboación activa e demostra que o liderado e a participación dos traballadores son esenciais para mellorar a seguridade e a saúde en lugares de traballo con diversidade cultural. O estudo recomenda que os directivos adapten o seu estilo de liderado, aborden as barreiras lingüísticas, faciliten de modo eficaz formación aos traballadores para que superen os problemas interculturais e propicien un ambiente de traballo integrador.

O informe constituirá unha ferramenta esencial para mellorar os resultados en materia de seguridade e saúde en organizacións con diversidade cultural, e complementará a campaña Traballos Saudables da EU-OSHA que leva «Traballando o lema xuntos para a prevención de riscos». En consonancia co espírito de traballo conxunto da campaña, ponse de relevo que a xestión da seguridade e a saúde no traballo en ámbitos laborais con diversidade cultural esixe un enfoque que dea voz a moitas opinións.

Enlaces

Informe «Diverse cultures at work: ensuring safety and health through leadership and participation» (en inglés)

Campaña Traballos saudables: «Traballando xuntos para a prevención de riscos»

Traballadores emigrantes: aspectos fundamentais

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS