Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

O TSJC recoñece o suicidio dun axente rural como accidente laboral

08-05-2014 - ACCIDENTE LABORAL

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) ditou unha sentenza na que recoñece como accidente laboral o suicidio dun axente rural da Generalitat, ao entender que a decisión de quitar a vida foi consecuencia da presión derivada do seu traballo.

A Sala do Social do TSXC revoga así a sentenza dun Xulgado de Lleida e estima o recurso presentado pola esposa e os fillos do falecido, aos cales recoñece o dereito a percibir senllas pensións de viuvez e de orfandade derivadas do que considera un accidente de traballo.

A vítima é un responsable do Corpo de Axentes Rurais da Generalitat cuxo cadáver apareceu colgado dunha árbore nunha zona coñecida como Mas d'en Coll, na localidade de Ás i Cerc (Lleida), en marzo de 2012. O falecido, que era xefe de Área Básica na bisbarra do Alt Urgell, deixou dúas cartas manuscritas, nas que expresaba a súa preocupación polo incendio de Calvinyà (Lleida), en cuxos labores de extinción participara. Afirmaba así mesmo que este incendio "lle rompera a vida" a el e á súa familia e que a administración catalá estaba a buscar un " cabeza de turco" se non se fixeran ben as cousas e que sería el.

Na súa declaración ante a policía, o fillo do falecido explicou que o seu pai, dende que aconteceu este incendio, sufría moita presión no traballo, estaba nervioso e alterado e tiña medo ás sancións que se puidesen derivar pola súa responsabilidade nos labores de extinción.

Na sentenza, que hoxe fixo pública CCOO, o TSXC considera probado que este cadro ansioso tivo unha orixe reactiva e que se desencadeou a raíz do incendio de Calvinyà, xa que o home non acudira anteriormente ao psiquiatra nin se medicaba de forma habitual. "O seu elevado grao de profesionalidade, responsabilidade e autoesixencia superoulle emocionalmente ata o punto de poñer fin á súa vida, polo que a orixe do seu problema psíquico está relacionada co traballo", sinala o tribunal, que considera acreditada a existencia dun "nexo" entre o acto de suicidio e o seu estado de ansiedade. Malia que o suicidio inclúe un elemento de voluntariedade, o TSXC estima que o traballo profesional no incendio de Calvinyà foi "condicionante da súa actuación", concluíndo polo tanto que estamos ante un caso de accidente laboral.

A sentenza do TSXC non é firme e contra esta pode interpoñerse un recurso ante o Tribunal Supremo.

 

lavanguardia.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS