Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Nove meses de cárcere a un construtor pola caída dun operario sen arnés

14-05-2014 - Accidente laboral

Un Xulgado de Santander condenou ao propietario dunha empresa construtora a nove meses de cárcere e unha multa de 1.260 euros, polo accidente que sufriu un operario ao caer desde unha altura de cinco metros sen estar amarrado a un arnés. O construtor admitiu os feitos, e a Fiscalía reduciu a pena de dous anos de cárcere que solicitou inicialmente a nove meses, por un delito contra os dereitos dos traballadores e outro de lesións imprudentes. Todas as partes mostraron conformidade coa nova petición do fiscal, polo que o xuízo non chegou a celebrarse.

Ao non ter antecedentes e ser inferior a dous anos, o xuíz acordou a suspensión da pena de prisión solicitada polo acusado.
O accidente ocorreu en xuño de 2011 nunha vivenda na que o operario e o seu xefe realizaban obras de rehabilitación. Tras desmontar a cuberta e atoparse apoiados nunha pequena plataforma confeccionada con dous taboleiros, subiron carga e tras pousala onde estaban a traballar, os cabrios, ao non soportar o peso, cederon e provocaron a caída do traballador.
Segundo a sentenza, "non existía arnés de seguridade debidamente amarrado a liña de vida, nin redes de protección, varandas de seguridade nin ningún outro elemento que garantise adecuadamente a integridade física do operario".
O fallo engade que para esta obra, o empresario "non elaborara plan de seguridade, non ordenou a instalación dunha estada interior para asegurar o traballo, non preparou unha plataforma segura desde a que se manobrase adecuadamente e omitiu todo tipo de medida de seguridade tanto individual como colectiva".
Como consecuencia da caída, o traballador sufriu diferentes traumatismos polos que estivo 15 días hospitalizado e 191 de baixa, e quedáronlle como secuelas perda de agudeza visual en menos do 50% no ollo esquerdo, e unha limitación na flexión da boneca de carácter moderado, ademais de material de osteosíntesis en brazo esquerdo e en cadeira, xunto con dúas cicatrices.
O operario renunciou a ser resarcido neste procedemento por ser xa indemnizado pola compañía de seguros coa que a empresa tiña concertado un seguro de accidentes de traballo cun límite máximo de 60.000 euros.

Fonte: lainformación.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS