Co financiamento de:
/ Portada / Actuación preventiva

Proposta dunha normativa específica en materia de prevención para o sector naval.

06-10-2010 - Xornada de expertos/as

O Gabinete Técnico de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega realizará ao longo do mércores una xornada con expertos/as do Sector naval na que se discutirá a necesidade da existencia dunha proposta normativa específica en materia de prevención para o sector naval.

Esta xornada dará continuidade á rolda de consultas con expertos/as do sector iniciadas a pasada semana na sede da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no traballo con sede en Bilbao na que se analizou o borrador do documento elaborado pola Confederación Intersindical Galega a través da Acción financiada pola Fundación para la Prevención de Riesgos Laborales. Nesta xunta teñen participado técnicos do Instituto Vasco se Seguridad y Salud Laborales, OSALAN, membros do Sindicato ELA-STV, delegados de prevención do estaleiro La Naval de Sestao así como representantes da Federación do Metal da CIG.

Este documento presenta unha proposta de elaboración de normativa específica e de adaptación da existente en materia de PRL para o sector da construción naval que integre as necesidades obxectivas desta industria e afronte, os riscos dun sector que aglutina un elevado número de traballadores e traballadoras en todo o Estado, tanto das propias empresas como da industria auxiliar asociada.

A día de hoxe, a Industria Naval carece dunha normativa específica en materia de prevención. Non hai un corpus lexislativo, similar ao existente noutros sectores como o da construción, que facilite a aplicación práctica das obrigas preventivas. Trátase dunha industria consolidada que afronta novos produtos, novas demandas do mercado, que producen novos riscos para os que se precisa un tratamento normativo específico, por iso cremos que está xustificada a investigación que o Gabinete Técnico de Saúde Laboral ten abordado sobre a necesidade de implantación deste normativa para o sector.

Na Xornada do día 6 de outubro, discutirase o borrador do documento elaborado, cun nutrido grupo expertos/as do sector que forman parte tanto das institucións educativas, como das propias empresas ou a administración pública. Contarase coa presenza do ISSGA, a Inspección de Traballo, Empresas do Sector así como representación da Federación do Metal da CIG e tamén da experiencia de compañeiros sindicalistas doutras zonas produtivas como é o caso do CAT (Colectivo Autónomo de Trabajadores de Andalucía).

O resultado do debate desta xornada axudará a fornecer de contidos a proposta normativa no ánimo de que o seu percorrido teña proxección nunha posible proposta parlamentar no Estado Español e unha posible proxección a nivel europeo.

 

 

Asdo. Fernando Sabio Maroño

Director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS