Co financiamento de:
/ Portada / Actuación preventiva

O Consello de Ministros da Unión Europea insta á Comisión Europea a que elabore unha nova estratexia de saúde e seguridade para o período 2021-2027

12-02-2020 - CONSELLO EUROPEO

A nota oficial limitábase a informar de que “O Consello adoptou así mesmo unhas Conclusións sobre un novo marco estratéxico da UE en materia de saúde e seguridade no traballo, nas que convida á Comisión a presentar un novo marco para o período 2021-2027".

Pola súa banda os sindicatos europeos temos manifestado o noso malestar polo atraso co que van comezar os traballos de elaboración da nova estratexia.

O subsecretario xeral da CES, Per Hilmersson, declarou: "O marco estratéxico actual da UE para a saúde e a seguridade no traballo expirará o próximo ano. Por tanto, unha nova estratexia debe ser unha prioridade urxente para a nova Comisión Europea”. “Tomoulle dous anos renovar o marco anterior. Non podemos permitirnos un atraso adicional cando se producen 3 millóns de accidentes no traballo, incluídos 4.000 cun desenlace fatal, cada ano na UE, onde tamén se rexistran 100.000 mortes por cancro ocupacional e unha a cuarta parte dos traballadores/as sofren de tensión laboral excesiva”. "Non é esaxerado dicir que outro atraso prolongado sería potencialmente mortal. Por tanto, é responsabilidade das institucións europeas tomar a iniciativa para mellorar a saúde e a seguridade no traballo. Unha nova estratexia europea tamén axudaría a motivar aos Estados membros a desenvolver e fortalecer as súas propias estratexias estatais". "Esta é a razón pola cal os ministros de traballo europeos que se xuntan hoxe para discutir este tema deberían pedir á Comisión que traballe cos sindicatos para desenvolver unha nova estratexia centrada na prevención de enfermidades profesionais, a adaptación das políticas actuais a un mundo laboral cambiante e unha definición de obxectivos máis ambiciosos e esixibles nos Estados membros. "

Sen dúbida algunha, un novo atraso na renovación da estratexia europea de saúde e seguridade podería poñer moitas vidas en risco, como xa ten feito de facto nos últimos anos a maioría política da dereita neoliberal que até agora controlaba plenamente a Comisión Europea.

A medida que o marco estratéxico da UE para a saúde e a seguridade no traballo finalice en 2020, as primeiras discusións sobre unha nova estratexia comezarán hoxe no Consello de Emprego, Política Social, Saúde e Asuntos do Consumidor.

Espérase que os ministros dos estados membros adopten conclusións sobre o novo marco estratéxico para 2021-2027 e conviden á Comisión Europea a presentalo.

Por outra banda a Confederación Europea de Sindicatos (CES) insta o Consello e á Comisión a que dean prioridade á renovación dunha estratexia máis ambiciosa para evitar repetir a demora de dous anos despois do vencemento da estratexia 2007-2012.

Ligazón para ver o documento completo que establece a posición da CES sobre unha nova estratexia da UE sobre seguridade e saúde no traballo.

A posición da CES baséase na opinión expresada polo Comité Consultivo Tripartito para a Seguridade e a Saúde no Traballo (CCSS) que recomenda que a Comisión Europea adopte un novo marco estratéxico nesta área baseado no marco estratéxico actual.

Fonte: Consilium e ETUC

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS