Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

O ISSGA activa a campaña ‘O importante é baixar con vida’ para evitar riscos nos traballos en cubertas

05-10-2021 - ISSGA

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) está a desenvolver unha campaña para sensibilizar a empresas e traballadores e titulares das edificacións, acerca dos riscos dos traballos nas cubertas. Co título "O importante é baixar con vida", o ISSGA quere chamar a atención sobre a necesidade de realizar estas tarefas en altura en condicións de seguridade.

A caída en altura é un risco transversal, que abrangue multitude de sectores e ocupacións. A adopción de medidas de protección colectiva e, de ser o caso, de carácter individual poden evitar fatais consecuencias. De feito as caídas en altura constitúen a terceira forma de accidente mortal na xornada de traballo, tras as patoloxías traumáticas e os accidentes de tráfico. Supoñen un de cada catro accidentes mortais en horario laboral. A maior parte ocorren en cubertas non transitables, aquelas ás que soamente debería acceder persoal especializado.

Ainda que estas tarefas se desenvolven en case que todos os sectores produtivos, máis da metade dos sinistros se rexistran na construción, seguido do sector servizos, industria e agrario. A maior parte das lesións prodúcense por caídas cando os operarios realizan traballos como reparación de pingueiras, limpeza de canlóns, illamentos, substitución de antenas ou tellas, selaxe de xuntas, instalacións ou mantementos de paneis solares, etc.
Outros dos hándicaps para o Issga é que normalmente se trata de traballos con baixa definición técnica, de curta duración e orzamento modesto, encargados por persoas con pouco ou nulo coñecemento dos riscos.

Ao se tratar dunha causa de accidente sobre a que se pode actuar, o Issga ven de lanzar unha campaña que pon o foco nas empresas e traballadores autónomos que acometen estes traballos, así como aos titulares dos edificios. Coa mesma pretende facilitar os criterios técnicos a seguir para que todas estas tarefas se realicen con seguridade.
A campaña incide no papel que desempeñan as comunidades de veciños neste tipo de obras, como promotoras das mesmas, e tamén na subcontratación de servizos, e recolle aspectos preventivos a ter en conta nas diferentes fases do proxecto.

Con esta iniciativa a Xunta de Galicia quere incidir na necesidade de realizar unha xestión da prevención adecuada aos traballos en cubertas con atención á coordinación das diferentes actividades empresariais. A difusión dos materiais divulgativos entre os promotores, titulares de edificios e as empresas que os executan é chave para evitar accidentes por caída.

Entre outras medidas, o Goberno galego está a difundir un anuncio para sensibilizar sobre os riscos e está a distribuír un documento divulgativo que recolle as seis etapas clave para traballar con seguridade sobre as cubertas, dous trípticos nos que se lembran as obrigas do promotor ou titular do edificio e do contratista, respectivamente e tres carteis coas 10 regras básicas para que unha actuación sobre un tellado non remate en accidente.

Ligazón ao material divulgativo da campaña.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS