Co financiamento de:
/ Medio ambiente

Bulldóceres e excavadoras pasan por riba das seis figuras de protección da lagoa de Vadoviño

13-11-2014 - MEDIO AMBIENTE

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza anunciou o comezo dunha “nova e irracional alteración da lagoa da Frouxeira (Valdoviño) que culminará, outra volta, co baleirado mecánico do humidal”, segundo denuncia Adega. A plataforma ambientalista considera que “de nada serviron as seis figuras de protección que posúe A Frouxeira”, á vez que alerta que “os bulldóceres xa están instalados sobre as dunas grises (hábitats prioritarios) e só agardan a orde para iniciar o baleirado artificial da lagoa”.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza entende que a Xunta (“que no seu momento permitiu a construción dun deficiente paseo litoral emprazado por baixo da cota de inundación ordinaria do humidal”), prefire degradar e alterar o equilibrio ecolóxico deste espazo, antes que modificar unha obra impactante “que nunca debeu construírse dese xeito”.

Unha administración que non achega solucións

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, executora da apertura, é “promotora dun nefasto e mutilado Plano de Conservación que non achega ningunha solución aos graves problemas que sofre este espazo”. No último rascuño deste Plano, afirma Adega, presentado ante a COGAMADES, exclúese, por exemplo, a presenza na Frouxeira de hábitats naturais protexidos amplamente distribuídos e recollidos en distintos documentos técnicos.

Adega considera que os reponsables políticos da natureza galega “deberían xestionar os nosos espazos naturais, e concretamente a lagoa da Frouxeira, con criterios racionais e científicos, cumprindo as leis e evitando a degradación ou destrución dos compoñentes da biodiversidade e da xeodiversidade”.


Perante o inminente inicio do operativo de baleirado anunciado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e ante os probables novos danos ao humidal protexido, Adega vén de apelar á Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG, ao Comité Español de Humidais e á Secretaría da Convención Ramsar.

A lagoa da Frouxeira é un humidal de importancia internacional, que conta con algunhas das máis importantes figuras de protección para este tipo de espazos (ZEPVN, humidal protexido, humidal sensible, LIC, ZEPA, e Ramsar).

Fonte: sermosgaliza.gal

O día 12 de novembro de 2014 o DOG publica a aprobación da Memoria ambiental do plan de conservación da Lagoa de Valdoviño. Para consultalo podes acceder á web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruras a través da ligazón de Plans e programas de avaliación ambiental estratéxica, introducindo o código do plan 1596/2013 ou directamente premendo nesta ligazón.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS