Co financiamento de:
/ Medio ambiente

A Comisión Europea aproba unha prórroga de 18 meses para o emprego do glifosato na UE

08-07-2016 - Medio ambiente

O herbicida, empregado en agricultura, mantemento de estradas e vías férreas, limpeza de xardíns e espazos públicos, etc, está sendo moi cuestionado entre ecoloxistas, científicos e institucións desde que un informe avalado pola OMS o sinalase como “probablemente canceríxeno“. A decisión da Comisión Europea foi tomada no último momento, xa que a anterior prórroga expiraba o 30 de xuño.

O acordo foi difícil e chegou logo de varias votacións nas que non se acadou unha maioría suficiente para dar luz verde ao herbicida, debido ás reticencias de varios países membros, como Alemaña, Francia ou Italia.A pesares da prórroga para o emprego do glifosato, estabeleceranse limitacións para o uso. 

A Axencia Europea de Productos Químicos (ECHA) deberá realizar un informe antes de finais de 2017 co fin de  determinar os efectos do glifosato na saúde humana. Este informe será tido en conta pola Comisión Europea  para alongar ou retirar o permiso. 

A decisión do organismo europeo contén recomendacións que limitan o uso do glifosato. Estas suxerencias serán agora debatidas entre os países membros, e a Comisión traballará para que sexan adoptadas “tan pronto como sexa posible”. Así, aconséllase prohibir os produtos baseados en glifosato que utilicen coadxuvante POE-amina de sebo, composto sobre o que hai preocupacións respecto á súa toxicidade”, minimizar o uso do glifosato en parques públicos, zonas de xogo infantil e xardíns e nas labores previas á colleita de produtos agrícolas.

Información da Comisión Europea

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS