Co financiamento de:
/ Medio ambiente

A Alianza Rural Galega rexeita unha nova Lei do Solo que considera residual ao 90% do rural galego

31-01-2014 - Medio Ambiente

As organizacións que integran a Alianza Rural Galega consideran que a nova Lei do Solo non foi redactada para favorecer o máximo consenso social e político a prol dun ordenamento respectuoso co territorio. Ben ao contrario, no canto de planificar un ordenamento territorial sustentábel, a proposta supón unha importante regresión con respecto ao actual marco normativo (Lei 9/2002).

Para a Alianza Rural Galega, integrada por ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM carece dunha perspectiva integral, está excesivamente sesgada cara os aspectos urbanísticos minorando outros usos do territorio e consagra a desprotección e desvalorización do solo rústico.

Ninguneo e degradación do chan rústico

Consideran que non é casual que para o PP, unha parte moi representativa do noso territorio, superior ao 90% -o solo rústico-, na que coexisten multiplicidade de usos produtivos e un importante patrimonio rural (ambiental, cultural, económico e social) como recoñece a vixente Lei 9/2002, sexa algo “residual”. 

Porta aberta a minas, cultivos enerxéticos e especulación urbanística

A desvalorización interesada do solo rústico común sitúa nun mesmo plano a determinados usos do territorio que non teñen a mesma repercusión sobre o medio e os seus habitantes. como exemplo poñen que os aproveitamentos mineiros no chan rústico fican ao mesmo nivel que os usos agrogandeiros e forestais, obviando a función social, fixadora de poboación, de conservación do patrimonio natural e cultural así como de mantemento da soberanía alimentar que estes desenvolven. 

E a respecto dos usos construtivos, sinalan que a nova lei permite a desclasificación arbitraria do chan rústico común, coa escusa dun “desenvolvemento urbanístico racional”, suprimindo as cautelas que até o de agora fixaba a lei 9/2002. Ábrese deste xeito a porta a consagrar por lei a discrecionalidade e de repetir, agora con todos os parabéns legais, os despropósitos perpetrados durante os anos da burbulla inmobiliario.

 

Fonte: www.galizacig.com/avantar

Documentos

Comparecencia_ALIANZA_LEI_DO_SOLO_2014.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS