Co financiamento de:
/ Igualdade

A avaliación dos riscos de lactación en relación ao posto de traballo ha de ser específica

07-05-2013 - MATERNIDADE

A Sala do Social do Tribunal Supremo estimou un recurso de casación para a unificación de doutrina interposto polo Instituto Nacional da Seguridade Social, fronte a unha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao considerar que a avaliación dos riscos en caso de lactación natural en relación co posto de traballo ha de ser específica, que alcance á determinación da natureza, grao e duración da exposición.

A traballadora prestaba os seus servizos como ATS en Urxencias dun hospital.

A unidade de prevención de riscos laborais da empresa elaborou un informe sinalando os riscos do seu posto de traballo, como "exposición a substancias químicas, sobreesforzos, choques con obxectos, exposición a substancias ionizantes, axentes biolóxicos, cortes e picadas, atropelo ou golpes con vehículos en desprazamento ou de acceso ao hospital,".

Segundo este documento, non existía posto compatible co estado da muller, polo que non resultaba técnica ou obxectivamente posible o cambio de posto.

Mesmo cando non existan postos de traballo ou función compatible, a norma específica sinala que a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ao seu grupo ou categoría equivalente, se ben conservaría o dereito ao conxunto de retribucións do seu posto de orixe. Só cando isto non fose posible, podería declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo.

Segundo o alto tribunal, é certo que constan informes cos riscos do posto de traballo e coas funcións da traballadora, pero só conteñen unha declaración global e xenérica duns riscos susceptibles de poder estar aparellados a un posto de traballo daquela natureza, de médico do servizo de urxencias hospitalarias, sen precisión sobre os concretos axentes nocivos detectados no posto e dos efectos que estes puidesen ter sobre a saúde da nai ou do lactante.

 

Fonte: redaccionmedica.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS