Co financiamento de:
/ Gabinete

A inflación, os salarios e a avaricia empresarial no marco económico neoliberal: un brutal risco psicosocial para a clase traballadora

16-12-2022 - GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL-CIG

Unha vez máis -e xa van moitas-, atopámonos nun contexto económico e sociolaboral ex-tremadamente inxusto e profundamente perverso. A elevada alza dos custos enerxéticos e a estrangulación loxística internacional que se están a producir repercuten directamente na subida dos alimentos e en moitos bens insumos consumidos no Estado español.

VISUALIZACIÓN EN FORMATO BOLETÍN

 

Neste contexto son moitas as empresas que trasladan aos seus produtos importantes subidas de prezo, non xa para manter a toda costa os seus marxes de beneficio, senón incluso para incrementar sustancialmente os mesmos por enriba da subida real dos custos de produción, amparándose na “camuflaxe” que proporciona a actual conxuntura, contribuíndo así significativamente a deteriorar a situación económica e elevar aínda máis artificialmente a inflación na búsqueda dun maior beneficio. Estratexia esta que estamos a ver como se produce en todo tipo de empresas, sectores e segmentos de produción; dende as avaras, mesquiñas e insolidarias empresas produtoras de electricidade cos mal chamados “beneficios extraordinarios”, as grandes subministradoras de transformados do petróleo, gasolineiras, distribuidores de froitas e verduras, grandes cadeas de supermercados, e moitos outros tipos de negocios e empresas.

Así as cousas as previsións inflacionistas mantéñense disparadas e ao alza, nunha especie de “barra libre” do entramado neoliberal empresarial español, ao que o Goberno non é quen de parar os pés, permitindo en moitos casos unhas subidas de prezos especulativas orientadas a obter grandes beneficios en prexuízo do conxunto do Estado e da gran maioría social, permitindo iso si que como consecuencia de non poñer límite nin control ás subidas inxustificadas de prezos, se produza un forte deterioro  da capacidade adquisitiva das clases medias e traballadoras, coa conseguinte perda da calidade de vida, o afundimento da demanda interna e o estancamento do medre económico. Un golpe de Estado en toda regra, que coma sempre beneficia ao gran capital e prexudica gravemente ao conxunto da poboación, facendo desta situación un verdadeiro aquelarre neoliberal do que sacan partido moitas grandes empresas, a especulación financeira e o constructo sociopolítico da corrupta e cada vez máis antidemocrática dereita española.

Nesta situación de “barra libre” e de non control dos marxes de subidas inxustificadas dos prezos de moitos bens e produtos, as previsións de inflación para o ano 2022 están sendo  continuamente revisados á alza, nunha espiral inflacionista en gran medida especulativa, que o Banco de España prevé que a finais de ano sexa dun 7,5% e FUNCAS (Fundación das Caixas de Aforro) dun 6,8%. Porcentaxes estas que a moitos expertos e entidades especializadas lles parecen previsións conservadoras, falando moitos deles dunha previsión inflacionista a final de ano de entre o 8,2% e o 10,5%.

Un recente estudo da Fundación A Caixa remarca que na actual conxuntura as rendas máis baixas están a rexistrar con moito a peor evolución dende o ano 2008. Isto acontece cando aínda non se logrou (nin moito menos) contrarrestar os terribles efectos da crise das burbulla inmobiliaria que a dereita político-económica española aproveitou para eliminar dereitos laborais e dereitos sociais á clase traballadora que, en útima instancia, foi quen tivo que asumir inxustamente, practicamente a totalidade do custo económico desta crise. Non rematada esta crise iniciada no 2008, no 2020 caeu sobre todos nós a crise da COVID-19, a “gran reclusión” que afectou gravemente á economía no seu conxunto, causando graves prexuízos en termos de emprego e saúde a unha importante parte das clases medias e traballadoras, aínda que unha parte dos seus efectos foron esta vez amortecidos pola aplicación de políticas de axudas a empresas e persoas traballadoras, principalmente en forma de ERES subvencionados polo Estado co obxectivo de destruír o menor emprego posible, unha solución esta diametralmente oposta no seu contido e filosofía á aplicada na crise do 2008 polo mesquiño e corrupto Goberno do PP liderado por Marino Rajoy.

Así as cousas e sen interrupción algunha, véñensenos enriba os problemas de loxística no transporte e na produción de bens derivados da crise da COVID-19, que xunto aos efectos da guerra da Ucraina e os movementos especulativos para subir os prezos do gas e o petróleo por parte dos grandes produtores enerxéticos mundiais, desembocou nunha nova crise de características distintas que forzou unha subida (en parte artificial) dos prezos da electricidade e os carburantes, que rematou por xerar unha inmensa onda inflacionista que sinerxicamente afectou ao resto de sectores e mercados, elevando significativamente os prezos dunha gran cantidade de produtos e con eles os da cesta da compra que tanto afectan ás familias traballadoras.

Lideres en desigualdade e iniquidade social

Nesta conxuntura unha vez máis o Estado español volve a ser líder europeo en desigualdade, xa non como consecuencia dos modelos de solución elixidos para a saída destas crises, que si, senón que tamén como consecuencia dun estrutura político institucional e de poder económico herdada do franquismo que hoxe por hoxe segue sendo capaz de controlar en gran medida importantes estruturas do aparato xudicial, o sistema bancario e financeiro, as estruturas de poder e dirección dunha significativa parte de importantes institucións: Banco de España, Tribunal de Contas, Corpos Públicos de Seguridade, Forzas Armadas, … ; en definitiva, todo un constructo e entramado político, social e económico que a dereita española utiliza continuamente no seu propio e exclusivo beneficio fronte a gran mayoría social constituída por clases medias e traballadoras, que sempre tal e como atestigua a historia, rematan por ser as pagadoras da corrupción, a inutilidade e toda a falta de xustiza e equidade social da que fai gala a cada vez máis extrema, antidemocrática e radical dereita española.

Tal é así que como resultado destes períodos de “crise” no Estado español afondouse aínda máis nas desigualdades, de tal xeito que mentres as rendas máis baixas experimentaban a súa peor evolución, as rendas máis altas experimentaban subidas importantes e incrementaban notablemente o seu poder adquisitivo. Se analizamos a Enquisa de Estrutura Salarial do Instituto Nacional de Estatística (INE), no ano 2007, o salario medio anual máis baixo por sectores no Estado estaba na hostalaría con 14.000 €, un 31% por baixo da media salarial estatal. No ano 2019, último ano do que tivemos acceso a ese dato, este salario apenas subira a 14.561 € anuais, e a súa distancia coa media salarial agrandouse ata acadar o 40%. Pola contra, nese mesmo período de tempo, os sectores mellor pagados teñen experimentado unha subida moito maior: os traballos en actividades financeiras pasaron de 38.870 euros anuais a 44.302 €; e por exemplo, os empregados encadrados no epígrafe de subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado melloraron as súas condicións de 34.100 euros a 52.162 de media.

En definitiva, nesta conxuntura a desigualdade e a iniquidade social téñense incrementado no Estado español a un ritmo moito maior que no resto dos Estados europeos do noso ámbito, nunha contorna de rendas diponibles e de salarios cada vez máis desiguais e inxustos para unha gran parte da poboación cada vez máis pobre e con menor poder adquisitivo, diminuíndo significativamente en relación ao ano 1992 o número de persoas traballadoras que naquel entón atopábanse no intervalo de ingresos medios do Estado.

Aínda que os recentes incrementos do salario mínimo que (a pesares da patronal e a dereita política española) en menos de dez anos pasou de 655 € a 965 € mellorando a situación para os salarios máis baixos, a brecha e o deterioro salarial da clase traballadora seguiu incrementándose. Tal é así que segundo o INE do 2009 ao 2019 o salario medio por hora traballada experimentou un incremento raquítico pasando de 14 € a 16 €. Unha distribución dos ingresos tan desequilibrado e desigual que hoxe por hoxe constitúe sen dúbida o problema económico e social de maior calado e trascendencia para o Estado español.

Desvalorización salarial

Nos últimos 11 anos o poder de compra xeral caeu un 6,2%, un retroceso en gran parte consecuencia da reforma laboral aprobada polo PP en 2012 e que sen dúbida afectou en maior medida aos salarios máis baixos que evolucionaron claramente por baixo dos incrementos do IPC.

Se nos referimos aos salarios pactados por convenio no ano 2021 estes subiron un 1,5%, menos de a metade que a inflación que se produciu nese período. Un incremento dos salarios en xeral moi por debaixo da alza dos prezos. O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou que en 2021 os prezos subiron de media un 3,1% en comparación co ano anterior, de tal xeito que se calcula que as persoas traballadoras no conxunto do Estado sufriron a maior perda de poder adquisitivo dos últimos 20 anos que o INE estima en 400 euros para un salario medio. Cantidade esta que se produce como consecuencia da diferenza entre a alza de prezos e a de salarios por convenio (1,5% de incremento), que representan á maior parte das persoas traballadoras do Estado. Aplicando este cálculo sobre o soldo medio dun traballador/a (24.395,98 euros brutos en 2019) -significativamente por enriba do salario medio dunha persoa traballadora galega-, o asalariado/a medio/a perdeu un poder de compra de practicamente 400 €.

Outro dato significativo a ter en conta é que tan só o 18% das persoas traballadoras baixo o paraugas dun convenio colectivo teñen cláusulas de garantía salarial que lles incrementen automaticamente as súas retribucións fronte aos repuntes inflacionistas.

No actual contexto non debemos perder de vista que unha parte importante das empresas e/ou entidades contratadoras teñen marxe para aumentar as retribucións dos seus traballadores/as, xa que até agora estiveron a manter o esquema de desvalorización salarial imposto pola reforma laboral do PP de Rajoy, incluso despois de terse desfeito forzadamente da súa débeda tras a progresiva recuperación da crise financeira.

Se ben é certo que non todos os fogares teñen os mesmos niveis e formas de consumo; que os prezos subiron de xeito distinto nos distintos ámbitos territoriais ou que non todas as persoas traballadoras tiveron os mesmos incrementos salariais, resulta completamente incuestionable que os grandes perdedores da perda do seu poder adquisitivo son as clases traballadoras coas rendas máis baixas e menor capacidade de maniobra, para as que o pago das hipotecas (subidas de interese), o pago da electricidade que consumen, o carburante dos seus imprescindibles desprazamentos ou o disparado incremento dos alimentos, supoñen uns gastos inevitables e imprescindibles que afectan enormemente á perda do seu poder adquisitivo e a súa calidade de vida.

A consecuencia deste perverso proceso é que te sube moito o prezo dos produtos e servizos dos que non podes prescindir, electricidade, carburantes, alimentos,…. as familias traballadoras terán necesariamente que deixar de consumir otros produtos e servizos, resentíndose gravemente a calidade de vida das familias traballadoras, así como a forza da demanda interna como motor de recuperación da propia economía.

Para comprender a repercusión real desta situación temos que ter en conta que no seu conxunto os salarios veñen nos últimos anos dun proceso de claro estancamento, como consecuencia da aplicación por parte das empresas e entidades contratantes de estratexias de conxelación salarial alegando os baixos niveis de inflación; situación en cambio esta que seguindo o mesmo criterio, actualmente as empresas non están dispostas a corrixir, dada a súa negativa a aplicar as subidas salariais correspondentes para manter o poder adquisitivo dos salarios fronte o disparado aumento da inflación. Dúas varas distintas de medir que como sempre perseguen o mesmo obxectivo: que sexan as persoas traballadoras e as súas familias quen en última instancia paguen os efectos das crises económicas para que as empresas poidan seguir mantendo ou incluso incrementando o seu nivel de beneficios, seguindo o criterio acorde cos postulados político-económicos da dereita neoliberal española e do propio PP.

Segundo Freemarket, a inflación pode rematar este ano 2022 no Estado español no 7,5% ou máis, o que na práctica supoñería cando menos a perda dun 16% de poder adquisitivo no salario máis habitual no Estado, que se sitúa en 25.165,51 € brutos anuais; perda porcentual de poder adquisitivo que se incrementa notablemente na Galiza onde actualmente o salario medio bruto anual se sitúa en 22.834,66 €, o que representa unha diferencia de 2.330,85 € en relación á media estatal, ocupando o noso País unha das peores posicións do ranquing salarial das 17 Comunidades Autónomas, situándonos no 4º lugar pola cola co posto nº 13.

Está constatado que unha parte significativa da inflación ven dada polo prezo da enerxía, sendo as familias con salarios máis cativos as máis desfavorecidas por unha perda de poder adquisitivo que se pode estimar en tres ou catro veces superior á media alta, especialmente tendo en conta tamén o gran incremento dos prezos experimentado nos produtos básicos da cesta da compra que inevitablemente as familias traballadoras con rendas máis baixas non poden evitar, ao consumir estes gastos unha gran parte do seu salario. Información esta ratificada tamén polos cálculos realizados polo Bank of America, que revela que a enerxía ten un peso catro veces maior para a renda das clases baixas que para a parte alta.

Máis aló dos datos proporcionados polo INE na táboa anterior, segundo Freemarket, a inflación pode rematar o ano entre o 7,5%, das estimacións do Banco de España e o 8,1% estimado pola OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico), o que insistimos supoñería unha perda aproximada real dun 16% de poder adquisitivo, se nos referenciamos ao que na práctica é o salario máis habitual no Estado español, que máis aló de promedios que sempre enmascaran e maquillan a realidade, se sitúa en 18.500 euros brutos anuais.

Así logo, que as familias cos salarios máis baixos volten a ser con diferencia as máis prexudicadas, acentúa o efecto non redistributivo da riqueza xerando maiores desigualdades que xa poderiamos considerar estruturais, nun Estado que de feito xa é dos máis desiguais de Europa e líder en iniquidade social. A maiores na práctica, o ascensor social tan imprescindible e irrenuciable nunha democracia social e de dereito, está completamente destrozado como consecuencia das políticas de eliminación de dereitos laborais e sociais aplicadas polo PP nos seus desastrosos e corruptos anos de Goberno, de tal xeito que a estas alturas xa é completamente habitual atoparnos con traballadores/as moi ben formados e cualificados/as percibindo salarios extremadamente baixos polo desenvolvemento das súas funcións en sectores incluso de gran valor engadido como a banca, a loxística ou a distribución.

Segundo a OCDE o Estado español sufre a maior perda de poder adquisitivo de toda a UE, só superado por Grecia. Estima que o custo medio da inflación por fogar será para este ano 2022 duns 2.650 euros, aproximadamente 220 euros menos ao mes de media para gastar en comparación co 2021, ano no que xa a perda real de poder adquisitivo se estima que se achega ao 5%.

Para o ano 2022 as previsións da OCDE en relación á inflación subxacente, que é aquela que non ten en conta as oscilacións imputables aos bens enerxéticos e aos alimentos non elaborados, calcula que acadará cando menos o 4,6%, fronte ao 8,1% que acadará a inflación xeral.

Se falamos exclusivamente do poder adquisitivo, segundo o último informe Gfk Purchasing Power Europe 2021, o poder adquisitivo por persoa no Estado español é de 14.709 €, fronte aos 17.242 € de Italia, os 20.662 € de Francia e os 23.637 € de Alemaña; situándonos no último posto deste ranquing.

Salarios estancados

No caso do Estado español, os salarios pactados en convenio subiron de media un 1,47% ata decembro de 2021, por baixo do rexistrado no mes anterior (+1,49%) e moi lonxe do IPC cuxo dato se situou a peche de ano no 6,5%, a súa taxa máis alta en 29 anos. O dato de IPC interanual de decembro implicou unha inflación subxacente media para todo o ano 2021 do 3,1%, máis do dobre da subida salarial pactada ata decembro na negociación colectiva. Con todo, se a inflación se mantén alta, -inflación subxacente en maio do 2022 do 4,9%- e os salarios non despegan, as persoas traballadoras perderán mes a mes aínda máis poder adquisitivo neste ano 2022.

Claúsulas de garantía salarial

Tal e como indica o propio o Banco de España nun informe recente, os salarios tardarán en adaptarse á inflación, se é que realmente o rematan de facer, xa que a maior parte dos convenios rexistrados no 2021 e anos anteriores non contan con cláusulas de revisión salarial para evitar perdas de poder adquisitivo. En concreto, dos 2.886 convenios de 2021, só o 15,8% (456 convenios) contaban cunha cláusula de garantía salarial e deles, só 354 contemplan que esta se aplique con efectos retroactivos, segundo a estatística do Ministerio de Traballo. Estas cifras chocan coas de 2005, cando un 72% dos traballadores tiñan algún tipo de salvagarda para manter o poder adquisitivo dos seus salarios.

Historicamente, o modelo de determinación salarial que se veu desenvolvendo, na maioría dos acordos pactados polas patronais e os sindicatos con resultados positivos na loita contra a inflación, baseáronse no mantemento do poder adquisitivo a través de tres elementos interrelacionados:

a) Unha previsión de inflación, como elemento de referencia.

b) A implantación de cláusulas de revisión salarial nos convenios colectivos para facilitar a recuperación do poder adquisitivo dos salarios fronte á inflación.

c) A toma en consideración da evolución da produtividade como un dos elementos de referencia para mellorar os salarios.

Sen dúbida algunha estas premisas aplicadas nas negociacións salariais teñen contribuído ao control da inflación artificialmente xerada por moitos sectores empresariais e teñen mellorado o consumo e a demanda interna como motor económico fundamental para a reactivación económica e a creación de emprego.

Salarios, inxustiza e iniquidade social

A subida da inflación ameaza con disparar unha pobreza e una desigualdade xa de por si moi elevada no Estado español en comparación co resto de estados europeos. A avaricia e falta de corresponsabilidade empresarial están a provocar unha maior e terriblemente lesiva escalada de prezos. A porcentaxe de poboación en situación de carencia material severa, aumentou un 50% xa no primeiro ano da pandemia, pasando do 4,7% ao 7%, seguindo sen parar a súa escalada dende aquela. Son importantes os datos que indican que camiñamos desde unha pobreza transitoria cara a unha pobreza que se vai cronificando con forte impacto na pobreza xuvenil e infantil.

E é de prever que coas fortes subidas acumuladas da inflación nos anos 2021 e 2022, se produza unha importante perda de poder adquisitivo cunhas extraordinarias consecuencias negativas tanto a nivel dos fogares  que se verán seriamente empobrecidos como a nivel macroeconómico, cunha significativa caída do consumo, da actividade económica e un previsible aumento do endebedamento.

As políticas económicas baseadas na austeridade, recortes do gasto público e a desvalorización salarial, imposta coas distintas reformas laborais pergueñadas pola dereita económica e social, teñen provocado a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras e o aumento das desigualdades. Segundo o propio Instituto Nacional de Estatística (INE), o IPC subiu o 14,6% desde 2012 a 2021, en cambio no mesmo período os salarios pactados nos convenios colectivos creceron un 12,58%, e o salario medio só aumentou o 3,6%. Extraordinaria perda acumulada esta do poder adquisitivo dos salarios medios (os máis comúns entre a clase traballadora), que nos revela que na maioría dos casos grandes segmentos de traballadores/as teñen perdido neste período de 10 anos nada máis e nada menos que un 11% do poder adquisitivo dos seus salarios. Circunstancia esta só posible pola retórica neoliberal aplicada por empresas e entidades contrantes de diversa índole e categoría, que durante todo este período se negaron a negociar cos traballadores/as as correspondientes e necesarias subidas salariais, alegando falsas circunstancias e situacións con grave prexuízo para o seu persoal.

Resulta evidente que nin moito menos se recuperou a capacidade adquisitiva do salario medio de antes da crise e aínda permanece o déficit de rendas salariais acumulado nesta última década. Debemos ter en conta para non trabucarnos que o lixeiro ascenso experimentado do salario medio no ano 2009-2010 está derivado da destrución masiva do emprego precario de baixos salarios, o que provocou que a media salarial do resto aparentemente subise un pouco, máis, non porque realmente os salarios medios aumentasen o seu poder adquisitivo respecto dos anos anteriores, senón polo efecto de “enmascaramento” que frecuentemente producen os datos proporcionados polas medias estatísticas.

Neste contexto resulta urxente e imprescindible adoptar medidas efectivas no ámbito laboral e no ámbito económico para recuperar o poder adquisitivo até agora perdido polos salarios e evitar que esa perda se incremente.

Resulta inaprazable realizar os esforzos necesarios para garantir a protección do poder adquisitivo dos salarios, así como das condicións de vida do conxunto da poboación que representa a gran mayoría social traballadora. O Goberno do Estado non pode seguer a permitir o incremento continuado, en moitos casos artificial, do marxe de beneficios aplicados por moitos sectores empresariais mentres a gran mayoría social traballadora ten que asumir fortes perdas no poder adquisitivo dos seus salarios. Entre outras prácticas, a extraordinaria velocidade coa que os empresarios de todos os sectores están a repercutir as subidas de prezos están provocando que os beneficios das empresas medren desmesuradamente grazas aos fenómenos de acaparamiento de materiais e produtos, á espera de novas subidas de prezos.

Hoxe máis que nunca, a recuperación progresiva e real da capacidade adquisitiva dos salarios tan desvalorizada nos últimos anos, así como frear dun xeito eficiente os movementos especulativos empresariais en materia de prezos, debe ser un obxectivo fundamental e prioritario para unha democracia social e de dereito que pretenda defender a igualdade, a xustiza e a equidade social.

Documentos

ARTIGO 3 Boletin CIG Saude Laboral N 43 Version galego.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS