Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 21/8/2012
A probabilidade de traballar sen contrato é practicamente o dobre que a dos seus compañeiros masculinos (5,6% fronte ao 3,1%), sobre todo nos traballos manuais, onde a probabilidade é 2,32 veces superior.
A temporalidade tamén é maior nas traballadoras (28% fronte ao 27,2%), pero nesta ocasión os contratos temporais son máis habituais nas ocupacións non manuais, onde o risco é 1,34 veces superior. Entre os homes, en cambio, é máis frecuente o traballo a quendas (24% fronte ao 21,6%).
A muller tamén ten máis posibilidades de enfrontarse a riscos psicosociais e discriminación no traballo. Realizar un alto esforzo e recibir a cambio unha baixa recompensa é máis habitual entre as traballadoras, sobre todo nas ocupacións non manuais, onde a probabilidade é 1,29 veces maior.
Pero a desigualdade de xénero é máis evidente en materia de discriminación laboral. En ocupacións manuais, a muller ten máis posibilidades de ser discriminada no traballo que o home (probabilidade de 1,46), cifra que aumenta ata 2,47 veces en ocupacións non manuais.
O acoso sexual no traballo parece un fenómeno exclusivamente feminino. O risco é case tres veces maior nas mulleres, sobre todo nas ocupacións manuais. A probabilidade de sufrir acoso sexual é moito maior para a muller no sector agrario e industrial, en concreto 2,82 e 2,92 veces máis elevada respectivamente. Trátase de sectores fortemente masculinizados. Só na industria, por exemplo, o 75% dos traballadores son homes.
Ademais, as desigualdades de xénero tamén son patentes nos problemas de saúde derivados do traballo. Mentres nas mulleres é máis frecuente a dor osteomuscular do membro superior (8,4% fronte ao 6,4%), nos homes son máis habituais as lesións por accidente de traballo (12,1% fronte ao 8,4%). O estudo, non obstante, non detectou diferenzas significativas de xénero no estrés derivado do traballo nin nas dificultades para conciliar a vida laboral e familiar, aspecto este último que a macroenquisa non contempla en toda a súa magnitude.
Fonte de Datos: agenciasinc.es
1