CIG-Saúde Laboral
Gabinete Técnico da Secretaria Confederal de Saúde Laboral e Negociación Colectiva
“Non cambies a saúde pola riqueza nin a liberdade polo poder” Benjamin Franklin 1706 - 1790
Case doce anos despois da entrada en vigor da Lei de Prevención de Riscos laborais, as cifras, as estatísticas, a realidade demostran a impunidade con que actúan as empresas en materia de seguridade e o fracaso estrepitoso dos gobernos nas súas obrigacións no control das condicións de traballo e na persecución aos infractores. Curiosamente, era esta unha norma coa que se pretendía converter ao Estado español nun estado moderno e respectuoso co dereitos dos traballadores e traballadoras Lonxe de termos acadado unha reducción dos niveis de accidentes de traballo, como debería corresponder logo do desenvolvemento normativo dos últimos anos, os datos veñen amosando, teimudamente, unha realidade totalmente diferente. E se os datos sobre accidentes de traballo son malos, o caso das enfermidades profesionais é, se cabe, máis alarmante. Hai unha “inexistencia” numérica e documental de enfermidade profesional na Galiza e no Estado. As estatísticas non reflicten datos reais da situación da enfermidade profesional no Estado, o que fai prácticamente imposible coñecer cal é o efecto real das condicións de traballo na saúde de traballadores e traballadoras, aínda que se calcula que máis do 22% dos custes do Sistema Público de Saúde imputados a enfermidade común corresponden, en realidade a enfermidades profesionais. Así, as estatísticas demóstranos o acertado da aposta decidida dos órganos de goberno da CIG na defensa da importancia da saúde laboral na acción sindical. Temos, pois, que seguir incidindo na nosa política de saúde laboral tendo sempre en conta os aspectos esenciais que no seu día establecíamos para a mesma e que continúan a ter vixencia: 1. Promocionar unha cultura laboral de prevención que implique os/as traballadores/as na loita por unhas condicións laborais e ambientais saudábeis 2. Considerar a problemática da seguridade e saúde no traballo como de especial relevancia na negociación dos convenios colectivos. 3. Control e vixilancia constante para un efectivo cumprimento da normativa laboral vixente e dos planos específicos sobre seguridade e saúde no traballo. 4. Formación xeral e específica en saúde laboral para os/as traballadores/as 5. Incrementar a acción institucional a todos os niveis para que os organismos de participación existentes cumpran realmente as súas funcións 6. implantación de requisitos mínimos en materia de Saúde Laboral por parte da Administración á hora de realizar convocatorias de axudas ás empresas. 7. Pular pola inclusión específica das doenzas de tipo psíquico no cadro de enfermidades profesionais recentemente aprobado 8. Inclusión de criterios de xénero que contemplen as diferencias anatómicas, fisiolóxicas e psicolóxicas de homes e mulleres. 9. Fomentar unha cultura de prevención a nivel social, instando a Administración a artellar programas específicos dende as primeiras fases do sistema educativo, así como en Formación Profesional e carreiras técnicas. Para apoiar e fornecer estes principios, e de resultas do acordo acadado no III Congreso da CIG, dotámonos dun instrumento, o Gabinete Técnico de Saúde Laboral dependente da Secretaria Confederal de Saúde Laboral, que nos permite implementar propostas, analizar, tratar e elaborar o material relacionado coa seguridade e a saúde no traballo e ofrecer asesoramento técnico segundo as distintas necesidades das federacións, os comités de seguridade e saúde, os delegados e delegadas de prevención, ou calquera outro órgano da central sindical. Dende aquel momento o Gabinete Técnico de Saúde Laboral ten medrado e, a data de hoxe, conta con oficinas en Vigo, Ourense, Lugo, A Coruña e Ferrol. Esta distribución xeográfica, permítenos desenvolver labores de asesoramento, colaboración e formación permanente dos delegados e delegadas de prevención da CIG.
Antolín Alcántara Responsábel Confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral
|