Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
8/6/2016
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

As políticas de retorno ao traballo (II). Liñas de actuación dos programas de volta ao traballo

TRABALLADORES/AS MAIORES DE 55
Dende a ISSA (International Social Security Association) teñen elaborado unhas directrices para a xestión das políticas de volta ao traballo. A Guía “Return to Work and Reintegration” basease nun coñecemento en profundidade da cuestión e no desenvolvemento dunha infraestrutura legal e de xestión que inclúe a incorporación (en empresas e institucións) de profesionais especializados que poidan xestionar a reincorporación ao mercado laboral de persoas que padecen algunha lesión, incapacidade ou enfermidade, de orixe laboral ou non, o máis pronto posible.

Na actualidade, as institucións de seguridade social están, en xeral, enfocadas a facilitar soporte e compensación económicas a persoas que adquiren unha incapacidade e están en risco de perder o emprego coas consecuencias que isto ten para a súa vida. Unha nova liña de enfoque da cuestión sería reducir o número de persoas que perciben estas compensacións  polo deseño dunha serie de medidas destinadas á súa rehabilitación e reincorporación rápidas no mercado laboral e de fomento de medidas de conservación do emprego na propia empresa.

Este novo enfoque pode ser interesante e positivo, sempre e cando se leve a cabo garantindo unha serie de coberturas básicas para os traballadores/as e que ningún quede nese “limbo” anteriormente citado.

As posibilidades de actuación das diferentes institucións para comezar, soster ou fomentar os programas de volta ao traballo están fortemente condicionados pola infraestrutura lexislativa gubernamental.

O desenvolvemento e soporte dun programa efectivo de volta ao traballo involucra a diferentes actores, tanto individuais como de carácter institucional:

- Traballadores/as e as súas familias

- Representantes dos traballadores/as

- Empresarios/as

- Profesionais da sanidade

- Servizos sociais

- Gobernos

Para poñelas en práctica habería que desenvolver unha infraestrutura legal na materia baseada nun coñecemento en profundidade e un acordo entre os diferentes sectores interesados para poñer en práctica políticas e elaborar unha lexislación que satisfaga as necesidades de todos e todas.

Segundo a ISSA, a liña de tendencia destas políticas debería ir enfocada cara:

- Fortalecer a lexislación e os regulamentos para fortalecer as obrigas relacionadas coas  actividades de volta ao traballo e facelas efectivas.

- Elaborar un plan estratéxico sobre esta cuestión acorde coa lexislación

  • + Dentro do marco dos servizos de emprego público
  • + Iniciativas privadas ou individuais

- Estabelecer un sistema de cotas que penalice as malas prácticas dos empresarios/as nesta materia e beneficie as actuacións na liña da reintegración e rehabilitación dos traballadores/as.

- Seguir a liña de boas prácticas internacional: existe unha gran diversidade de institucións e mecanismos de seguridade social a nivel mundial. Os programas deben seguir unhas directrices xerais que logo poidan adaptarse ás características individuais.

Os programas deben desenvolverse como un proceso, global, integrador e inclusivo que responda aos intereses de todos os interesados e centrado no traballador/a concreto.

Algúns elementos destacados que deben ser tomados en conta son os que seguen:

É particularmente importante poñer énfase na seguridade e saúde laboral, facendo esforzos en prevención de riscos laborais para evitar a aparición de continxencias e para a  adaptación dos protocolos, postos e condicións de traballo que xeren postos de traballo inclusivos.

Dende esta perspectiva, un punto de inicio é comezar polos lugares de traballo incentivando ás empresas para que poñan en marcha programas de volta ao traballo.

- Establecendo unha política nesta materia, consensuada entre a dirección, os traballadores/as e os sindicatos.

- Integrando a implantación dos programas de volta ao traballo dentro dos obxectivos das estratexias en recursos humanos.

- Destinando recursos materiais e humanos para:

  • + establecemento de programas preventivos de seguridade e saúde no traballo
  • + destinar profesionais que aseguren a accesibilidade, control, avaliación e efectividade dos programas de volta ao traballo

Outro eixo fundamental e crítico do programa é a atención médica, neste caso, a Medicina do Traballo que debe facer un especial esforzo na prevención, control e rehabilitación de traballadores e traballadoras para atallar a aparición ou cronificación de determinadas lesións e para unha recuperación eficaz. Levar a cabo unha detección precoz pasa por ter valorado, entre outro elementos, a idade da poboación traballadora tendo en conta aos de maior idade como grupo vulnerable.

O acceso rápido a un tratamento médico axeitado que facilite a recuperación rápida coas máximas habilidades funcionais e mobilidade posibles e que permita volver ao traballo nunha posición que maximice as habilidades e experiencia do traballador/a é clave para o proceso.

O enfoque médico debe facerse, seguindo a definición de saúde da OMS, dende un punto de vista médico, psicolóxico e social, combinando os tres aspectos. Seguindo os criterios de clasificación da CIF (International Classification of Functioning, Disability and Health) que ofrece unha forma de clasificación universal sistemática e estandarizada asegurando un punto de vista global do concepto de saúde. Abrangue tres compoñentes esenciais: funcións corporais/estruturas, actividades e participación, integrados nos termos de funcionamento e discapacidade que dependen da condición de saúde e da súa interacción con factores contextuais ou ambientais.

Para os traballadores e traballadoras obxectivo destes programas a experiencia amosa que é máis doado manter o emprego que atopar un novo polo que unha detección e intervención temperá cunha actuación inmediata e axeitada permitirá que o traballador ou traballadora volva ao traballo con máis facilidade.

Esta estratexia de intervención temperá debe de incluír:

- Medidas preventivas

  • + Promoción e educación en saúde e benestar

- Inspeccións de seguridade

- Información de accidentes e incidentes

- Programas de asistencia médica eficaz para os traballadores/as

- Acceso rápido a un tratamento médico e outros servizos de coidado da saúde e rehabilitación.

Por último, outro piar dos programas é o enfoque centrado na persoa tendo en conta factores psicosociais, de motivación, de condicións laborais e circunstancias persoais dos afectados e afectadas.

Documentos
As políticas de volta ao traballo II. Liñas de actuación dos programas de volta ao traballo.pdf
Las políticas de vuelta al traballo II. Líneas de actuación de los programas de vuelta al trabajo.pdf
Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais