A CUESTIÓN FORMULADA
Ten dereito un traballador que se encontre en situación de incapacidade laboral temporal, sobrevida durante o seu período de vacacións anuais retribuídas, a gozar das vacacións anuais coincidentes co período de IT?
Esta é a cuestión que se formula ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea na seguinte petición de decisión prexudicial e que se formula a raíz do conflito xurdido entre a Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución e varias federacións sindicais representantes dos traballadores.
DEREITO COMUNITARIO
A solución á controversia pasa por unha interpretación do artigo 7 da Directiva 2003/88/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, sobre determinados aspectos da ordenación do tempo de traballo, establecendo o Tribunal que ese precepto se opón a disposicións nacionais que establezan que un traballador que se encontre en situación de incapacidade laboral sobrevida durante o período de vacacións anuais retribuídas non ten dereito a gozar posteriormente das vacacións anuais coincidentes co período de incapacidade laboral.
FUNDAMENTACIÓN XURÍDICA
Os argumentos xurídicos que utiliza o Tribunal para sustentar esta decisión teñen en conta tanto a natureza do dereito cuestionado coma a súa finalidade. O dereito ás vacacións anuais retribuídas configúrase como un principio do Dereito social da Unión de especial relevancia que, ademais, forma parte da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e, en ningún caso, se pode interpretar de forma restritiva. Polo que se refire á súa finalidade, se a incapacidade temporal pretende outorgar aos traballadores un tempo para que estes se recuperen dunha enfermidade, a finalidade das vacacións é ben distinta: permitir que os empregados descansen.
Se a xurisprudencia xa se pronunciou sobre a posibilidade de que o traballador que se encontre de baixa por enfermidade goce das súas vacacións nun momento posterior, sería ilóxico negarlle ese dereito cando a incapacidade sobrevén unha vez iniciadas as vacacións.
Fonte: lexnova