-En síntese-
Evitará a peregrinación por distintos Xulgados en asuntos laborais, xa que os Xulgados do Social centralizarán todas as materias laborais que agora están repartidas na orde Civil e o Contencioso-administrativo.
Mellorará a protección xudicial dos dereitos dos traballadores, evitará duplicidades e permitirá resolucións moito máis rápidas.
Todas as cuestións relacionadas cun mesmo feito ou conflito decidiraas un mesmo xuíz, o que reducirá gastos a traballadores e empresas e contribuirá á eficiencia económica.
O Consello de Ministros aprobou a remisión ás Cortes Xerais do Proxecto de Lei Reguladora da Xurisdición Social, pola que os tribunais desta orde xurisdiccional asumirán todos os asuntos relativos a accidentes laborais, seguridade e hixiene no traballo e vulneración de dereitos no ámbito laboral, especialmente acoso e discriminación.
Deste xeito, evitarase a peregrinaxe xurisdiccional en casos que agora conclúen en procesos paralelos nos Xulgados do Social, Civil ou no Contencioso-administrativo. Ademais, ao clarificar a orde xudicial competente, mellórase a tutela xudicial efectiva, o que representa maior seguridade para o mercado laboral, máis transparencia e menor gasto para empresas e traballadores. Quedan á marxe os casos penais, litixios sobre recadación da Seguridade Social e as excepcións derivadas dos procesos concursais.
O Proxecto de Lei, que se enmarca no plan xeral de modernización e reforma do sistema español de Xustiza, constitúe unha auténtica xurisdición social, especializada e con competencia plena nos asuntos relativos aos dereitos dos traballadores. Aprobado polo Goberno, en primeira lectura, o pasado mes de setembro, o Proxecto de Lei será remitido agora ás Cortes para o seu debate.
Esta Lei, que axilizará e reducirá custos, ofrece ao traballador/a e aos beneficiarios/as das prestacións sociais unha resposta xudicial máis homoxénea e eficaz.
-Ata agora-
Un mesmo feito pode ocasionar varios procedementos en ordes xurisdiccionais distintos: social, civil, contencioso-administrativo e penal.
Como consecuencia do anterior prodúcense demoras na obtención dunha resposta xudicial completa.
O afectado non sabe a que xuíz acudir e pode ter que ir a dous, ata a tres, que poden estar en diferentes cidades.
Non existe un tratamento unitario dos problemas, o que pode ocasionar discrepancias no tratamento de casos similares, pois cada orde xurisdiccional resolve conforme aos seus criterios e procedementos.
Pódense producir disfuncións, porque as decisións dun xulgado condicionan ou inflúen nas doutro.
-Coa nova Lei-
Un só procedemento, como regra, serve para resolver as disputas orixinadas no ámbito laboral e de protección social.
Resposta xudicial integral. Todas as cuestións en materia laboral decídeas un mesmo xuíz.
Resposta especializada. O Xuíz do Social é o máis capacitado para resolver litixios sobre os dereitos dos traballadores e as prestacións sociais porque é o seu ámbito natural de coñecemento.
Axilidade e eficiencia. Evitar duplicidades, gastos e complexidades innecesarias
Seguridade xurídica. Evítanse contradicións e disfuncións.
-Principais obxectivos-
Mellorar a protección xudicial dos dereitos dos traballadores
Unifícanse na orde social todos os asuntos relativos a accidentes laborais, seguridade e hixiene no traballo e vulneración de dereitos no ámbito laboral, especialmente acoso e discriminación (con exclusión dos casos penais).
Deste xeito conséguese:
Resposta xudicial integral. Todas as cuestións relacionadas cun mesmo feito ou conflito decídeas un mesmo xuíz. Evítase a "peregrinaxe xurisdiccional".
Resposta xudicial especializada. O Xuíz do Social, pola súa especialización, é o máis capacitado para resolver litixios nestas cuestións.
Resposta xudicial máis áxil. A orde social ten menores tempos de resposta e procedementos máis axeitados para estas cuestións.
Axilizar e reducir os custos dos procedementos xudiciais
O Proxecto de Lei Reguladora do Procedemento Laboral simplifica e axiliza os trámites ao reducir o número de procedementos necesarios ou concorrentes para resolver un mesmo feito. Tamén aclara as dúbidas sobre cal é a orde competente en certas materias. Reduce os custos de todas as partes implicadas (traballadores e empresarios) ao resolverse a disputa, na maior parte dos casos, nun só procedemento e non ata en tres como sucede agora. Así mesmo, permite racionalizar os recursos e as competencias, e obter o máximo rendemento doutros proxectos modernizadores do sistema de Xustiza, xa que a nova Lei adáptase á nova Oficiña Xudicial e ao uso das novas tecnoloxías.
-Ampliar a base social da economía-
O novo marco legal potencia a participación dos actores sociais e de todos os traballadores, independentemente do tipo de relación laboral.
-Sindicatos: exención de depósitos e taxas para litigar.-
Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) e Entidades Xestoras da Seguridade Social: maior capacidade e lexitimación procesual.
Traballadores autónomos: protección homoxénea na orde social.
Entidades públicas ou privadas entre cuxos fins atopase a promoción e defensa dos intereses lexítimos dos afectados: lexitímaselles para intervir e participar nos casos de discriminación e acoso, en liña coa lexislación vixente.
-Aumentar a seguridade xurídica no mercado laboral-
Resólvense as dúbidas interpretativas e organízanse as competencias entre as xurisdicións Civil, Contencioso-Administrativa e Social, o que permitirá o tratamento homoxéneo de casos similares. Trátase, xa que logo, dunha norma que se fai aínda máis necesaria no actual contexto económico, xa que xera seguridade e mellora as expectativas de todos os actores sociais e económicos.
-Unha nova norma e non unha simple reforma-
Coidamos que co gallo de doitar de maior transparencia e eficacia ao marco normativo, optouse por crear unha norma completamente nova en substitución da vixente Lei de Procedemento Laboral. Evítanse deste xeito, a dispersión normativa e a inseguridade xurídica que podería producir unha nova reforma. Ademais, a elaboración dunha norma completa permite incorporar outras melloras, tanto técnicas como estilísticas, que fagan o marco xurídico o máis preciso posible.