Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
1/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: horarios :

A racionalización dos horarios

SAÚDE LABORAL
Durante a celebración do VII Congreso Nacional para Racionalizar os Horarios, o Secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade do Ministerio de Sanidade avogou pola necesidade de homologar os horarios con respecto aos veciños europeos; o motivo non é outro que a produtividade, parece ser que os nosos veciños europeos nos gañan en produtividade e o tema dos horarios non é alleo a esta cuestión.

Tras analizar os novos datos de Eurostat, o Goberno tería iniciado xa un diálogo coas empresas neste sentido xa que, en palabras do Secretario de Estado, Juan Manuel Moreno, España «é un dos países europeos no que máis horas se traballa e, non obstante, ten uns índices de produtividade máis baixos». Está claro que algo está a fallar.

A Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois e a súa Normalización cos demais países da Unión Europea, é unha entidade sen ánimo de lucro cuxos fins son concienciar á sociedade sobre o valor do tempo e a importancia da súa xestión, e promover medidas que faciliten unha racionalización dos horarios no estado español.

A Comisión Nacional está integrada polos representantes de 118 institucións e entidades: Ministerios, comunidades Autónomas, organizacións empresariais e sindicais, universidades, sociedade civil, etc.

A Comisión Nacional ten un "brazo executor" que é ARHOE, Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois. Agora que a crise nos recorda que empresas e administracións están a adelgazar para perder quilos -aínda que nalgúns casos non sobren-, non está de máis recordar que poñer os horarios españois a dieta é rendible, tanto en termos puramente económicos como en satisfacción laboral.

A Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois recompilou sete boas prácticas e plasmounas nun libro que demostra que as empresas que rompen cos horarios saen gañando.

A Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois e a súa Normalización cos demais países da Unión Europea ten un manifesto que se pode subscribir na súa web, no que

 

Manifesta

  • Que o tempo é un ben único e insubstituíble, ao que debemos dar o máximo valor
  • Que debemos respectar o tempo dos demais porque vale tanto como o noso.
  • Que a puntualidade ha de ser un principio ético que guíe a nosa conduta.
  • Que para facer un mellor uso do tempo é imprescindible que en España cambiemos os nosos horarios.
  • Que os pais e nais deben dispoñer de tempo para convivir e dialogar cos seus fillos, interesarse polos seus sentimentos e os seus problemas, e ofrecerlles un sólido apego.
  • Que é necesario dispoñer de tempo para durmir, porque durmir ben é vivir mellor.
  • Que é necesario educar á xuventude en valores tales como a solidariedade, a tolerancia, o respecto, o esforzo e a igualdade entre a muller e o home, ademais de subliñarlles a importancia de facer un bo uso do tempo.
  • Que ás persoas se lles ha de valorar polos seus resultados, xa que as horas de presenza non garanten unha maior eficiencia.
  • Que as xornadas laborais prolongadas prexudican a calidade de vida dos empregados e non son rendibles para as empresas.
  • Que a relación entre a dirección e o persoal colaborador ha de estar sustentada en conseguir resultados e basearse na confianza e o compromiso, e non só no cumprimento estrito do horario.
  • Que as iniciativas de racionalización e flexibilización de horarios permiten aos empregados atender axeitadamente a súa vida privada, co que se encontran con máis motivación e máis lealdade á súa empresa.
  • Que os horarios comerciais deben ser flexibles en beneficio de todos, sen prexuízo de que os traballadores do sector dispoñan do seu tempo de descanso e de ocio.
  • Que a radio, a televisión e os espectáculos deben axustar a súa programación a uns horarios racionais.

 

Reivindica

Unha profunda modificación dos horarios en España, que nos axude a ser máis felices, a ter máis calidade de vida, e a ser máis produtivos e competitivos.

 

Esixe aos nosos representantes e poderes públicos:

Que leven a cabo as medidas executivas e lexislativas necesarias para levar á práctica as reivindicacións expostas.

 

Recorda:

 Que a necesidade duns horarios racionais ten como obxectivos prioritarios:

  • . Conciliar a nosa vida persoal, familiar e laboral.
  • . Permitir a corresponsabilidade na repartición de tarefas domésticas e atención á familia.
  • . Favorecer a igualdade entre a muller e o home.
  • . Mellorar a nosa calidade de vida.
  • . Aumentar a produtividade.
  • . Durmir o tempo suficiente.
  • . Fomentar a saúde.
  • . Diminuír a sinestralidade.
  • . Apoiar o rendemento escolar.
  • . Facilitar a globalización.

E, en definitiva, dar maior valor ao tempo.

Todo isto pasa, ineludiblemente, por racionalizar os nosos horarios, facelos máis humanos e máis europeos.

E invita á cidadanía a que fagan seu este Manifesto, o asinen e o difundan.

Moitas grazas.

 

Ligazóns de interese:

- ARHOE

- EL ECONOMISTA.ES ("As empresas que rompen cos horarios establecidos saen gañando")

 

O Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG ten editado un traballo no que se recollen os aspectos máis relevantes deste tema e que pode ser consultado a través da seguinte ligazón:

"Estudo da incidencia da xornada de traballo na seguridade laboral e nos riscos psicosociais".Gabinete Técnico de Saúde Laboral.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
Acción DI-0015/2009; Acción AD-0002/2011